O Bloque demanda que o Concello actúe fronte aos ruídos e a sobreocupación de terrazas no Casco Vello

terraza

_Denuncian a inacción do Goberno local diante dos continuados incumprimentos da normativa municipal.
_Reclaman a dinamización e posta en valor do barrio histórico para alén dos usos hosteleiros.

O Bloque demanda que o Concello actúe fronte aos ruídos e a sobreocupación de terrazas no Casco Vello

Diante do malestar veciñal que está a provocar a problemática dos ruídos e mais a sobreocupación de espazo público por parte de terrazas de estabelecementos de hostalería, o BNG demanda ao Goberno municipal que actúe con determinación para resolver esta situación. 

O responsábel local do BNG, Serafín Otero, insta ao Concello a que aplique a normativa municipal tanto no referido ao control de ruídos como nos permisos para a instalación de terrazas. “Abonda con percorrer o Casco Vello para comprobarmos o nivel de balbordo que se rexistra nalgunhas zonas e que durante a noite impide o descanso da veciñanza. O mesmo sucede coas terrazas que teñen invadido grande parte das prazas e rúas deixando case sen espazo para o tránsito e o esparcemento de peóns”, denuncia Otero.

Desde a fronte nacionalista denuncian o desleixo que até o momento ten demostrado o Goberno municipal e sinalan directamente ao concelleiro de Seguridade, Carlos López Font, instándoo a que adopte as medidas necesarias de inspección e seguimento, para que se garanta a convivencia veciñal, facendo cohabitábel o lecer e o descanso, tal e como reclama desde hai anos a veciñanza do barrio histórico. 

Modelo de cidade

“É evidente que as terrazas son un servizo positivo que debemos racionalizar, pero tamén debemos aspirar a que un enclave tan emblemático e valioso do punto de vista monumental e arquitectónico como o Casco Vello, sexa moito máis que un grande parque de mesas e cadeiras de empresas privadas”, reivindicou Otero. 

“Dinamizar e poñer en valor o Casco Vello é non reducilo a unha xigantesca barra de bar"

“Dinamizar e poñer en valor o Casco Vello é non reducilo a unha xigantesca barra de bar, senón apostar tamén na diversificación da súa oferta comercial e de lecer, e por dotalo de servizos que o fagan máis e mellor habitábel” explicou, demandando un outro modelo de cidade que fuxa do “Vigo escaparate”. “Queremos unha cidade que sexa visitábel, claro, mais sobre todo unha cidade habitábel, pensada para quen nela vivimos”.

O Bloque demanda que o Concello actúe fronte aos ruídos e a sobreocupación de terrazas no Casco Vello