O BNG de Vigo celebra que o Parlamento Europeo volva revisar a situación da ría
“Cinco anos despois da investigación sobre o estado das rías galegas, seguimos igual”, lamenta Serxio Regueira, Presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo
Ana Miranda, eurodiputada do BNG logra que a Comisión de Peticións do Parlamento europeo revise se se están a cumprir as recomendación comunitarias
Unha delegación de integrantes da plataforma en Defensa da Ría de Vigo e o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, fixeron parte da delegación galega que esta mañá se desprazou até Bruxelas. O motivo da viaxe foi participar da sesión da Comisión de Peticións do Parlamento europeo para volver tratar o estado actual do saneamento das rías galegas.
A eurodiputada nacionalista, Ana Miranda, logrou que a Comisión manteña abertas as peticións impulsadas polas plataformas en defensa das rías do Burgo e de Vigo. Desta maneira, malia as reticencias dos eurodeputados do PP e do PSOE, o Parlamento europeo demandará á Comisión Europea e mais ao Goberno español que informen da situación real das rías e avaliará o cumprimento da directiva europea da auga, exixindo que os gobernos español e galego tomen medidas serias para tratar a calidade das augas das rías de Vigo e O Burgo.
O presidente da Plataforma da Defensa da Ría de Vigo, Serxio Regueira, denunciou que despois de 5 anos non se adoptaron as medidas necesarias e que as rías galegas siguen a padecer a falta de investimento suficiente por parte do goberno estatal e autonómico.
Regueira incidiu en que o tratamento integral e a calidade das augas é peza chave para Vigo, xa que dela se nutre principalmente o sector pesqueiro e marisqueiro que revirte á súa vez no turismo. No entanto, lamentou que a nova depuradora estase a demostrar insuficiente. “A EDAR do Lagares ten unha capacidade de entrada de auga de 12m³ por segundo e de saída de só 8m³, e dado que non hai separación de augas pluviais, en reiteradas ocasións estase vertendo auga directamente na ría sen depurar”, explicou.
José Millán Mon, eurodiputado do PP e José Blanco, do PSOE, limitaronse a admitir “atrasos” na construción da macrodepuradora, pero sen asumir ningunha das críticas formuladas pola plataforma e mesmo poñendo en cuestión os datos ofrecidos. Na súa quenda final Regueira retrucou que “para solucionar un problema hai que recoñecer que efectivamente o hai”.
Intento de carpetazo do PP e PSOE
Xabier P. Igrexas valorou como “unha moi nova” o resultado da Comisión de Peticións, e gabou o traballo da eurodiputada do BNG, Ana Miranda, que co seu traballo dos últimos meses fixo posible que as rías de Vigo e A Coruña volveran ter voz no Parlamento Europeo. Para o candidato nacionalista o estado das nosas rías é de total abandono e hai unha certa complicidade por parte do goberno galego que segue a permitir que se produzan verteduras contaminantes.
“Temos que felicitarnos de lograr que o Parlamento europeo volva supervisar a situación real da ría de Vigo. Unha vitoria especialmente importante despois de ver como Pepe Blanco e Millán Mon, con intervencións absolutamente impresentábeis, pretenderon darlle carpetazo. É fundamental poñer luz para presionar e lograr que os Gobernos español e galego actúen de maneira decidida para rexenerar a nosa Ría”, asegurou o candidato nacionalista á alcaldía de Vigo.