O Bloque demanda da Xunta que actúe con urxencia para asegurar o futuro de Vulcano

XuntanzaVulcano1
Xabier P.Igrexas e Luis Bará escoitan a un representante do Comité de Empresa de Vulcano

·    “A Xunta de Núñez Feixoó non pode permitir que unha empresa centenaria como é Vulcano, chave para a cidade, bote o peche”, sinala o candidato nacionalista á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas

·    Os traballadores e traballadoras da factoría levan case cinco meses sen cobrar e sen respostas sobre o seu futuro.

O Bloque demanda da Xunta que actúe con urxencia para asegurar o futuro de Vulcano

Xabier P. Igrexas, candidato do BNG á alcaldía, e Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento galego, reuníronse esta mañá na factoría de Vulcano para avaliar xunto ao Comité de Empresa a situación límite de impagos que atravesa o estaleiro desde hai varios meses. Os e as representantes do plantel comezaron agradecendo a preocupación e interese do Bloque, cando após case cinco meses sen cobrar e nunha situación insostíbel “ninguén parece preocuparse o máis mínimo”, segundo apuntou o presidente do Comité, Nicolás Sangabriel.

A fronte nacionalista reiterou o seu apoio aos 70 operarios e operarias que arestora integran o plantel da factoría e o seu compromiso en favor de reactivar a construción naval na Ría de Vigo, como “actividade estratéxica”. Neste sentido, Igrexas referiuse ás declaracións vertidas polo conselleiro de industria, Francisco Conde tildándoas de “irresponsábeis” porque di, “desenténdense abertamente da situación e derivan o problema sen dar ningún tipo de solución”. “A pregunta que lle lanzamos dende o BNG á Xunta de Núñez Feixoó é se vai permitir que un estaleiro centenario como é Vulcano acabe botando o peche”, enfatizou. E é que as impresións recollidas durante a xuntanza trasladan a preocupación dos traballadores e traballadoras da factoría ante as serias dificultades de que Vulcano poida continuar coa súa actividade. 

“Cómpre lembrar que si en algo ten sido punteira a ría de Vigo é na construción de barcos. Hoxe temos un sector naval con apenas o 20% dos empregos que tiña no 2007, unha situación de desertización produtiva alimentada polo total desleixo do Partido Popular”, sinala o candidato do Bloque. “Non pode ser que un proxecto do que se gabou no seu momento a Xunta [en alusión á contratación do ferri pendente de finalización] e a dous meses para o seu remate, non teña a liquidez necesaria nin o apoio por parte do goberno galego”, remacha.

O estaleiro fica pendente de que o Banco Santander e mais a armadora acepten o plan de traballo remitido pola dirección da empresa e accedan a un anticipo económico que permita rematar o traballo. A este respeito o Comité de Empresa lamenta que “32 días despois da última xuntanza con Xunta, PIMAR,  armadora e Banco Santander sigamos sen ningunha resposta e sen fixar unha nova reunión”, sinalou o seu presidente. “Parece que se esqueceron por completo de nós”, acrecentou Sangabriel. Mañá realizarase unha nova asemblea de traballadores e traballadoras diante da factoría que podería dar o inicio a un calendario de mobilizacións.

Iniciativas no Parlamento Galego

O compromiso do BNG é reclamar do goberno galego unha resposta real e para asegurar a viabilidade de Vulcano con medidas a curto, medio e longo prazo. Neste sentido, Luis Bará, deputado do BNG no Parlamento Galego presentará con carácter de urxencia varias iniciativas parlamentares, para reclamar explicacións e urxir o executivo galego a que actúe. “A Xunta pode facer algo máis do que está facendo e o conselleiro ten que estar máis que para facer fotografías cando hai unha botadura”, reclamou Bará.

Entre as medidas que proporán están reclamar a convocatoria urxente dunha xuntanza con todas as partes implicadas, para asegurar a finalización dos traballos. A fronte nacionalista tamén demandará o apoio do Igape para, como xa fixo en 2017, achegar o circulante necesario para desbloquear os pagos máis urxentes, garantindo o cobro de todas as nóminas pendentes así como garantir que os provedores pendentes de pago continúen a fornecer dos materiais necesarios.  “Cremos que é fundamental a presión política que podemos exercer desde o BNG para que haxa unha resposta inmediata a este primeiro desafío que ten Vulcano e que os seus traballadores e as súas traballadoras poidan cobrar o que se lles debe”, engade o deputado.

Mais a fronte nacionalista aposta tamén por que se poñan en marcha medidas que garantan a continuidade de Vulcano unha vez entregado o ferri. Para iso urxen a reactivación da Mesa de Contratación do Sector Naval a nivel galego para, coa implicación activa da Xunta, procurar nova carga de traballo. Tamén proporán a posibilidade dunha intervención pública directa no estaleiro, toda vez os seus actuais propietarios non parecen capaces de garantir o seu futuro.

O Bloque demanda da Xunta que actúe con urxencia para asegurar o futuro de Vulcano