Xabier P. Igrexas: “Feixóo tería que vir a Vigo a rectificar o abandono da cidade pola Xunta e non a predicar o discurso da dereita máis reaccionaria”

sede_celta-04
A actual sede do Celta onde se vai levar a cabo o acto do Partido Popular

O candidato do BNG, Xabier P. Igrexas lamenta que a visita do presidente da Xunta, que hoxe participa nun acto do PP de Vigo, non sexa para anunciar un cambio de rumbo nas políticas do Goberno galego.

“Casado ten que pedir desculpas ás mulleres viguesas e galegas por tratalas como unha especie de incubadoras de novos e novas cotizantes á Seguridade Social”, demandou Igrexas.

Xabier P. Igrexas: “Feixóo tería que vir a Vigo a rectificar o abandono da cidade pola Xunta e non a predicar o discurso da dereita máis reaccionaria”

A visita de Núñez Feixoó esta tarde a Vigo para participar nun acto do PP de Vigo volve poñer de manifesto as verdadeiras intencións do presidente da Xunta para coa cidade olívica. Para o BNG tería sido mellor que o presidente acudise á nosa cidade “para anunciar rectificacións das súas políticas antisociais, antigalegas e de abandono da principal cidade de Galiza” e non para formar parte dunha charla que o único que pon de manifesto son as súas intencións de achegarse ao “neofascismo reverdecido” no Estado español. Así o valorou o candidato do Bloque á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, para quen a visita do presidente da Xunta tería que ter sido para anunciar que o seu goberno vai poñer fin ao abandono de Vigo e que vai comezar a exercer como presidente defendendo os intereses dos galegos e as galegas.

“En lugar de vir á nosa cidade a insistir no predicamento dese discurso reaccionario, ultra e cada vez máis pegado ao neofascismo gustaríanos que Feixóo viñese a asumir que ten que rectificar os orzamentos da Xunta de Galiza para este 2019 e atender ás emendas presentadas polo Bloque”. Unhas emendas, recorda, que suporían “incrementar en 27 millóns de euros o investimento da Xunta en Vigo”. “Gustaríanos que viñese a anunciar que vai poñer fin á política de desmantelamento da sanidade pública, que vai acabar cos recortes e as políticas de privatización coas que o PP leva anos a xogar coa saúde das vigueses e dos vigueses”, acrecentou.

O candidato nacionalista lamentou que o presidente da Xunta acuda a Vigo “a envolverse na súa bandeira cun discurso casposo e claramente antigalego” en lugar de “vir a garantirlle aos veciños e veciñas de Navia que van ter un Instituto de Educación Secundaria que tantos anos levan reclamando. Igrexas engadiu ademais que á formación nacionalista lle tería gustado que Feixóo “viñese a comprometer que o seu goberno vai deixar de poñerse de perfil e vai tomar as medidas para garantir o futuro do estaleiro de Vulcano e o futuro do conxunto do sector naval”.

Discurso machista

Tamén lamentou Pérez Igrexas que a visita de Pablo Casado non sirva para pedirlle desculpas a todas as mulleres viguesas e galegas “polas infames declaracións onde viña a reducir ás mulleres a unha especie de incubadoras de novos e novas cotizantes á seguridade social” e insiste en que tanto Casado como Feixóo “teñen que pedir disculpas por ese discurso claramente machista que nega os dereitos e no que están instaurados”, enfatiza.

Verdadeiro candidato

En opinión da fronte nacionalista a visita de Feixóo e o seu protagonismo confirma que “o verdadeiro candidato á alcaldía de Vigo do PP é Alberto Núñez Feixóo e que a papeleta do PP o próximo 26 de maio será a dos recortes e das políticas de abandono da principal cidade de Galiza”. A este respeito, o nacionalista lamenta que o papel que o PP lle ten reservado á súa “candidata formal”, Elena Muñoz, é o de seguir a exercer de “delegada de facto da Xunta, defendendo o indefendíbel en lugar de defender os intereses das veciñas e veciños desta cidade”.

Xabier P. Igrexas: “Feixóo tería que vir a Vigo a rectificar o abandono da cidade pola Xunta e non a predicar o discurso da dereita máis reaccionaria”