Xabier P. Igrexas: “O único proxecto do PP para Vigo é seguir a defender o desgoberno de Feixóo e abrirlle a porta á ultradereita machista e reaccionaria”
O BNG critica con dureza a disposición do PP de Vigo de pactar con Vox após as seguintes eleccións municipais de maio
“O novo impulso que lle queremos dar a Vigo pivotará sobre unhas políticas radicalmente feministas”, compromete o candidato
Elena Muñoz, candidata Partido Popular en Vigo sostivo onte que o pacto do seu partido con Vox en Andalucía “é unha moi boa noticia” e que non descarta o mesmo modelo de goberno tamén para a nosa cidade en maio, após os comicios municipais. Unhas declaracións que o BNG non pasa por alto e que o seu candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas valorou hoxe. O candidato nacionalista criticou que “para alén de seguir defendendo o indefendíbel, actuando como mera sucursal da Xunta de Feixóo que recorta a sanidade e que se nega a investir en Vigo, agora o PP ten un segundo obxectivo de cara as próximas eleccións municipais: abrirlle a porta á ultradereita españolista coa que veñen de pactar en Andalucía e coa que non descartan chegar a acordos en Vigo”.
Para Pérez Igrexas, as declaracións de Muñoz poñen de manifesto as verdadeiras intencións das “tres dereitas” que malia as súas “diferenzas estéticas coinciden no fundamental”. “Para nos é moi clarificadora esta posición do PP xa que define cal é o xogo da dereita, tanto da tradicional, representada polo PP, como da dereita ‘guay’ e pretendidamente rexeneracionista de Ciudadanos, ou a dereita máis ultra e reaccionaria representada por Vox”. A este respeito, o candidato nacionalista advirte de que esas tres forzas “sempre estarán de acordo para tomar decisións de involución de dereitos, de negación da violencia machista, e contra da diversidade cultural e idiomática e da pluralidade nacional do Estado”. Igrexas amósase contundente: “Temos que frear esta dereita que nos nega como galegos e galegas, que odia abertamente o noso idioma e a nosa identidade e que quere facernos retroceder máis de catro décadas”.
Compromiso feminista
Fronte a ameaza “machista, reaccionaria e antisocial das dereitas” a fronte nacionalista quere impulsar un proxecto de transformación para a cidade, a favor dos intereses das maiorías sociais cun compromiso claro coa igualdade efectiva que pasa por unhas políticas “radicalmente feministas” .“ Queremos unha cidade onde ningunha muller nin ningunha moza teña que pasar medo pola rúa, nin ser obxecto de ningunha das formas de machismo e iso esixe firmeza e chamarlle ás cousas polo seu nome”, sentencia Igrexas. Nun contexto marcado polas violencias machistas “con denuncias, agresións e asasinatos”, o candidato nacionalista subliña que “o BNG estamos absolutamente comprometidos coas mulleres e coas mozas, e ese compromiso non é retórico, queremos que se traduza en medidas concretas e efectivas, en todos os niveis, a principiar polo municipal”.
Cortarlle o paso á dereita
O candidato do Bloque ironizou agradecendo a sinceridade de Elena Muñoz nas súas declaracións de onte, “para que as viguesas e os vigueses poidan tomar moi boa nota”. “Xa sabiamos que o PP non tiña un proxecto de cidade porque non están comprometidos nin con Vigo nin con Galiza, pero agora tamén sabemos que a súa intención é seguir sendo apéndice do desgoberno de Feixoó e o que é máis grave, ser porta de entrada da ultradereita máis reaccionaria”, acrecentou.
Pérez Igrexas lembrou que “o BNG sempre fomos e seguiremos a ser a garantía de que o Partido Popular non goberne, pero agora temos con máis razón que impedir que a esa alianza reaccionaria que acaba de perpetrarse en Andalucía poida gobernar a nosa cidade. O BNG imos cortarlles o paso”.
“Vigo precisa certamente dun cambio de rumbo, porque estes anos demostraron a falla de proxecto e de impulso do actual goberno municipal, pero esa mudanza ten que ser un salto adiante, non un feroz retroceso pola dereita. O BNG aspiramos a ser unha peza determinante nese novo impulso”, concluíu.