Xabier Pérez Igrexas encabeza a candidatura do BNG ao concello de Vigo nas Municipais de 2019

foto_Xabier_Igrexas_2
Xabier Igrexas

Xabier Pérez Igrexas foi electo pola militancia do BNG de Vigo para encabezar a candidatura nacionalista ás eleccións municipais de 2019. Igrexas resultou electo nun proceso interno de debate e posta en común dos retos que o BNG se marca nun novo tempo en Vigo, marcado por unha grande participación e nun clima interno de cohesión.

Xabier Pérez Igrexas encabeza a candidatura do BNG ao concello de Vigo nas Municipais de 2019

Igrexas, quen agradeceu en primeiro lugar a confianza da militancia nacionalista nel depositada, afirmou que o obxectivo do BNG en Vigo é recuperar unha presenza determinante no concello de Vigo porque “o BNG sempre fixo avanzar o noso concello con coherencia, con políticas nacionalistas e de esquerdas e sempre ao servizo da veciñanza ”, afirmou.

Igrexas defendeu que o BNG pulará por unha “cidade como algo máis que un espazo, como unha verdadeira comunidade, coas persoas no centro das políticas” e recalcou que o BNG situará o foco nos problemas e nas necesidades reais da veciñanza “para converter Vigo nunha cidade que xere oportunidades” afirmou o candidato nacionalista á alcaldía de Vigo, quen se comprometeu a traballar “desde as institucións e desde as rúas polo emprego digno e con dereitos para todas e todos, para que Vigo volva ser cidade de oportunidades, o pulmón industrial do país e a capital galega da innovación”.

Ademais apostou en facer de Vigo o motor dunha nova Galiza, “fronte a quen quere reducirnos a unha ‘minicidade Estado’ illada á talla do seu ego, nós apostamos por ser o motor de todo un País”. Neste sentido, o cabeza de lista acredita en que a cidade ten que “seguir a construírse e avanzar a partir das súas enormes potencialidades e non desde o enfrontamento estéril con outros”.

Entre os obxectivos prioritarios do BNG enunciados polo candidato na Asemblea Local nacionalista salientan “a vontade de traballar por unha cidade nova para a veciñanza, xusta e igualitaria, como territorio libre de recortes e humanizado de verdade. Un Vigo e unha Galiza libre de todas as violencias machistas” e afirmou que “fai falla pór o urbanismo para as persoas, vertebrando e impulsando Vigo desde os barrios”.

Xabier P. Igrexas agradeceu o traballo e dedicación do anterior candidato e actual responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, “baixo cuxo liderádego o BNG recuperou en Vigo apoio social, afiliación e simpatizantes no último período que permiten encarar con novos folgos os vindeiro retos políticos”.

O propio Serafín Otero salientou de Xabier P. Igrexas que se trata dun “compañeiro con amplísimo coñecemento da vida municipal, colaborador coa prensa escrita e dixital, activista nos movementos sociais e sindicais da cidade” e engadiu que Igrexas é unha persoa “coas ideas claras e é sabedor que para o BNG de Vigo as eleccións municipais de maio de 2019, teñen un claro obxectivo que non queda só con recuperar a representación institucional no Concello de Vigo, senón lograrmos que esa presenza volva ser determinante para a Cidade de Vigo”.

Currículo do candidato.

Xabier P. Igrexas, é natural de Vigo e ten 34 anos. Participou activamente do movemento veciñal da cidade desde moi novo e durante case 15 anos, tanto na Asociación Veciñal Val do Fragoso como tamén na Federación Veciñal Eduardo Chao (FAVEC) da que foi secretario. Fixo parte activa do movemento estudantil chegando a ser secretario xeral a nivel galego dos Comités Abertos de Estudantes (organización actualmente integrada en Erguer - Estudantes da Galiza).

Entrou a militar en Galiza Nova e no Bloque Nacionalista Galego en 1999, tendo asumido diferentes responsabilidades tanto na organización xuvenil como na fronte nacionalista. Arestora é o responsábel de Acción Municipal do BNG de Vigo. En 2015 participou da candidatura do BNG ao Concello de Vigo no posto número 9. No eido institucional, como representante de diferentes colectivos, foi membro de organismos municipais como o Consello Social da Cidade, Consello Sectorial de Transportes, Consello Social da Lingua, Consello Municipal de Cooperación Internacional e Solidariedade e mais o Consello Escolar Municipal. A nivel sindical fai parte da CIG, onde ten asumido diversas responsabilidades. No ámbito xornalístico ten desempeñado como colaborador e columnista en diversos medios de comunicación, como A Nosa Terra, Xornal de Galicia, Galicia Hoxe ou Sermos Galiza, entre outros. Profesionalmente traballa como administrativo.

Xabier Pérez Igrexas encabeza a candidatura do BNG ao concello de Vigo nas Municipais de 2019