O BNG denunciará no Parlamento galego a “tomadura de pelo” de Feixóo co centro de saúde de Bouzas
- Para Xabier P. Igrexas resulta “escandaloso” que en dez anos de Feixóo na Xunta non se teña “nin posto a primeira pedra”, confirmando a política de abandono e recortes que o PP aplica contra a principal cidade de Galiza.
- A fronte nacionalista presentará nos vindeiros días unha iniciativa parlamentar demandando que se urxa a construción e esixindo que non se dote a Bouzas dun “centro de saúde recortado á metade”, como pretende o Goberno galego.
- Igrexas chama ao PP vigués a deixar de axir como “mera sucursal de Feixóo” e reclámalle firmeza para defender os intereses das viguesas e vigueses.
A solicitude, por parte da Xunta, de prórroga da licenza municipal de obras para a construción do novo centro de saúde de Bouzas é para o BNG de Vigo “a confirmación definitiva do absoluto desprezo e total abandono que o Goberno de Alberto Núñez Feixóo aplica contra a cidade de Vigo”. Así o valorou esta mañá, o concelleiro nacionalista Xabier P. Igrexas, para quen este novo atraso constitúe “unha tomadura de pelo”. Igrexas lembrou que o Concello xa cedeu os terreos necesarios en 2008 e criticou con dureza que inda non se conte cun proxecto definitivo desas obras. “Volvemos comprobar como a Xunta do PP insiste no abandono da principal cidade de Galiza e na súa política permanente de recorte sanitario, de ataque contra a sanidade pública e poñendo en risco a saúde das viguesas e os vigueses”, enfatizou.
Diante desta situación, o voceiro municipal anunciou que a fronte nacionalista vai levar novamente esta cuestión ao Parlamento de Galiza, a través dunha iniciativa que se presentará nos vindeiros días para denunciar “o escándalo que supón que despois de dez anos de goberno do PP na Xunta non se teña nin posto a primeira pedra dun centro de saúde que xa era urxente e indispensábel hai unha década”.
Ademais de urxir que se efectivice a construción do centro de saúde, o BNG defenderá tamén que o proxecto se corrixa para que non se “recorte á metade” o previsto en 2009 tal e como anunciou o conselleiro. “Non só non imos tolerar ningún novo atraso, senón que como xa afirmamos desde hai meses, o BNG non imos permitir que á vila de Bouzas se lle castigue cun centro de saúde reducido á metade”, advertiu Igrexas. No concreto, as nacionalistas esixiran que o novo centro conte con 6 consultas de medicina de familia, en troca das 3 previstas agora pola Xunta, e que se lle dote ademais cunha consulta pediátrica e con servizo de traballo social, para desta maneira tamén axudar a desconxestionar a situación de colapso da atención primaria na cidade. “A vila de Bouzas, a cidade de Vigo, non merecemos menos. Abonda xa desta política de abandono que practica o PP de Feixóo”, remachou.
PP vigués, sucursal de Feixóo
Igrexas tamén reprochou a actitude servil do Partido Popular vigués e chamounos a deixar de axir como “mera sucursal do PP de Feixóo”. “Estes días estamos a ver como o PP de Vigo está a aplicarse unha autoemenda á totalidade, nunha política de capitulación como forza da oposición no Concello, pero os populares teñen que entender que a emenda urxente que mandataron as viguesas e vigueses cun castigo electoral sen precedentes contra o PP [nas eleccións do 26M] é que a Xunta de Feixóo cese na súa política de abandono e recortes contra Vigo”, explicou o concelleiro nacionalista, que reclamou “firmeza” ao PP vigués para defender os intereses e dereitos da veciñanza da nosa cidade.