A carestía dos prezos, empurrando unha inflación galopante, é moito máis que un preocupante indicador macroeconómico. Supón na práctica, para a maioría social que representamos as clases populares e traballadoras, unha das maiores ameazas para as nosas condicións materiais de vida.
Deixando a un lado a (necesaria) discusión do propio IPC como indicador axeitado para cifrar a evolución real dos prezos e o seu impacto na cesta básica de produtos e servizos, o certo é que no último ano incrementouse en Galiza por volta dun 6,7%. Moi por acima do incremento dos salarios —dado que o aumento medio nos convenios (datos do Consello Galego de Relacións Laborais) foi de apenas o 2,49% de media en Galiza e a última suba do SMI foi de só o 3%—, pero tamén das pensións e prestacións, o que se traduce nunha perda neta de poder adquisitivo, ou o que é o mesmo: que os ingresos das familias traballadoras valen menos e os gastos son maiores.
Especialmente notábeis son os aumentos dos custes dos alimentos, dos combustíbeis, de subministros esenciais (como a electricidade) e da vivenda. De aí que máis da metade dos fogares de Galiza, segundo os últimos datos oficiais do IGE, teñan dificultades para chegaren a final de mes. Que en cidades como Vigo o índice Arope cifre en máis de 60 mil as persoas en risco de exclusión social e pobreza. Ou que o 14,90% dos fogares galegos non poida permitirse o consumo de carne ou peixe cada dous días, o 28,10% non teña capacidade para afrontar gastos imprevistos, o 8,50% se vise obrigado a atrasarse no pago de gastos da súa vivenda e a pobreza enerxética afecte xa ao 9,60%.
Aliás, continúa avanzando a ultraprecarización das condicións de traballo, en forma de temporalidade e parcialidade, e tamén da drenaxe salarial a través do impago das horas realmente realizadas ou os descolgues de convenio. Do mesmo xeito que avanza, agora xa nun ritmo e ton moito máis agudos, a desertización produtiva do País que se manifesta no devalar industrial que coloca actividades estratéxicas, como o naval de Vigo, ao bordo da súa desaparición tal e como o coñecíamos.
Fronte á narrativa cínica e fantasiosa dos relatos propagandísticos de Xunta e Goberno español, non hai síntoma ningún de recuperación nin de mellora. Non para o povo traballador, que volve padecer o efecto combinado da crise económica e das súas políticas económicas, produtivas e sociais. Urxe, xa que logo, unha mudanza radical que despregue medidas efectivas para evitar que a crise se volva tornar, na práctica, nun novo saqueo antisocial. Con medidas de fondo que vaian para alén da cosmética electoralista. Abordando dunha vez por todas unha reforma fiscal que alivie a carga impositiva a quen menos ten e force unha maior achega por parte das grandes rendas e capitais, e reduza a imposición indirecta (IVE e outros impostos) sob os produtos e servizos esenciais. Pulando polo incremento de salarios (a principiar por equiparar o SMI ao 60% do salario medio), das pensións públicas e das prestacións e subsidios, toda vez o Ingreso Mínimo Vital demostrouse un fiasco máis da política bluff do Goberno de PSOE e Unidas Podemos.
Urxe actuar contra o empobrecemento porque estamos a falar de garantir, ou non, as mínimas condicións de vida da maioría social.