O BNG reivindica en Vigo a figura de Castelao como referente do nacionalismo galego

Nun acto enmarcado nas actividades do Ano Castelao, co gallo do 75 cabodano da morte da principal figura política e cultural da historia contemporánea de Galiza
O BNG reivindica en Vigo a figura de Castelao como referente do nacionalismo galego

O Bloque Nacionalista Galego reivindicou este martes en Vigo a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como referente do nacionalismo galego, nun acto público organizado polo BNG xunto á Fundación Galiza Sempre no marco das actividades deste Ano Castelao, co gallo do 75 cabodano da morte da principal figura política e cultural da historia contemporánea de Galiza.

A escritora e profesora Marta Dacosta canda o tamén escritor e docente Manuel Rei, presentados polo portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, destacaron a débeda de recoñecemento e difusión da figura e pensamento de Castelao na súa integridade indisolúbel, dende a súa dimensión como brillante artista, pasando polo escritor e investigador que, segundo el mesmo defendeu, eran todas facetas políticas.

Nese sentido, no acto lamentaron que neste ano de conmemoración se estea a manipular para ocultar a súa condición como político nacionalista. Do mesmo xeito, puxeron en valor o seu infatigábel compromiso en favor dos dereitos nacionais do pobo galego, cunha obra que só se pode explicar desde o amor e o compromiso con Galiza, mais tamén como demócrata, antiimperialista e internacionalista en favor da liberdades dos pobos.

Dende o BNG criticaron o veto no Parlamento Galego por parte do PP, coa abstención do PSOE, que impediu o recoñecemento oficial de Castelao como primeiro presidente lexítimo da Galiza, tal como propuxo o BNG polo seu papel á fronte do Consello de Galiza como goberno galego no exilio.

"O nacionalismo galego ten desde a súa reorganización unha guía clara que foi o seu maxisterio e o seu libro Sempre en Galiza, coa defensa da necesidade de crear organizacións propias e a urxencia de ampliar as bases até construír un gran movemento de masas, o mesmo obxectivo que animaba o Partido Galeguista de Castelao e Bóveda", reivindicaron dende o BNG e a FGS.

Destacaron así o seu papel como figura chave sen a que o nacionalismo galego non sería hoxe o proxecto transformador e na defensa de Galiza, seguindo a lección que Castelao expresou na súa famosa frase: "o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideas en feitos".

O BNG reivindica en Vigo a figura de Castelao como referente do nacionalismo galego