O BNG de Vigo defenderá no Pleno un acordo unánime para esixir explicacións polo escándalo da baremación das sedes do Mundial de fútbol

Xabier P. Igrexas: “As graves irregularidades que se teñen constatado merecen de explicacións que a Federación Española de Fútbol aínda non ofreceu”
O Bloque Nacionalista Galego defenderá no Pleno do Concello de Vigo, convocado para o vindeiro luns, que se atinxa un acordo unánime para esixir que se fagan públicas as valoracións e criterios técnicos que excluíron a candidatura de Vigo como sede do Mundial de fútbol de 2030. A fronte nacionalista reclama tamén que se depuren responsabilidades pola xestión da Federación Española de Fútbol no proceso de baremación.
Con esa finalidade, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, anunciou o rexistro dunha emenda ás mocións presentadas por PSOE e por PP co obxectivo de posibilitar un acordo de toda a Corporación e evitar que se continúe a utilizar o asunto como arma na súa “permanente lea partidista”.
Tras as informacións publicadas desde o pasado luns, que o nacionalista cualificou de “moi graves e moi preocupantes”, Igrexas valorou que “ou estamos diante dunha chapuza de nivel olímpico ou dun novo exemplo de pura cacicada, que en nada sería sorprendente por parte dunha entidade presidida por Rafael Louzán”.
“As viguesas e vigueses merecen explicacións destas irregularidades, con independencia da súa opinión sobre a posibilidade de ser Vigo sede mundialista ou da valoración dos seus custes e beneficios para a cidade”, engadiu.
Dende o BNG trasladaron por este motivo unha emenda para o vindeiro Pleno municipal, co obxectivo de atinxir un acordo unánime este próximo luns, diante das dúas mocións diferentes presentadas polo PSOE e polo PP con cruces de acusacións entre ambas formacións. “Temos que expresar a nosa preocupación porque pretendan utilizar esta cuestión como un elemento máis na súa permanente lea partidista”, lamentou Igrexas, asegurando que iso “só contribúe a enlamar o asunto con oportunismo partidista”.
Acordo claro e rotundo
O BNG propón que o Pleno adopte un único acordo “claro e rotundo”: “Esixir da Real Federación Española de Fútbol que faga públicas coa máxima transparencia as baremacións e os criterios técnicos e obxectivos nos que se basearon para determinar a proposta de sedes no Estado para a celebración do mundial 2030, da que fica excluída Vigo, e que se depuren responsabilidades polas graves irregularidades no proceso que veñen de ser coñecidas publicamente”.
O portavoz municipal do Bloque apelou nese sentido á responsabilidade de PSOE e PP para que acepten esta emenda e lograr unha posición unánime. “Teñen que decidir se manteñen os termos das súas mocións de parte, o que impedirá un acordo unánime, ou se aceptan a proposta en positivo e de man tendida que facemos desde o BNG e permiten que haxa unha posición de conxunto en nome da cidade”, sostivo.
“Estou convencido de que as viguesas e os vigueses non entenderían que sexa doutro xeito”, remachou Igrexas.