O BNG reclama outro modelo de xestión da auga para garantila como “ben público"

_A fronte nacionalista rexeita o trasvasamento do río Verdugo polo seu elevado impacto ambiental.

_Demandan que o Concello ordene unha auditoría da rede municipal de abastecemento, a posta en marcha dun ‘Plan municipal de aforro e optimización do subministro de auga’  e a modificación do recibo.

O BNG reclama outro modelo de xestión da auga para garantila como “ben público"

“O alcalde debe deixar de agocharse detrás da petición do trasvasamento e enfrontar en serio un cambio do modelo de xestión da auga”. Desta maneira, responde Serafín Otero, responsábel local do BNG de Vigo, as acusacións vertidas por Abel Caballero contra o Bloque pola súa oposición ao trasvasamento do Río Verdugo. “O único que pode deixar sen auga ás viguesas e os vigueses é continuar co actual modelo privatizado e non tomar medidas que corrixan os graves problemas da rede de abastecemento” retrucou Otero. 

A fronte nacionalista reitera o seu rexeitamento a unha medida, o trasvasamento, que para alén de representar unha “agresión ambiental de enorme calado” non é unha solución real nin de futuro. A este respeito, o BNG aposta por abrir “de verdade un debate profundo sobre como se está a xestionar a auga na cidade”. 

No concreto, o Bloque demanda como primeira medida que o Goberno municipal ordene a realización dunha “auditoría da rede de abastecemento” da cidade, de cara a definir as accións necesarias para resolver os problemas de perdas de auga que existen e que algunhas estimacións cifran en até un 30%. Ademais, volven reclamar a posta en marcha dun ‘Plan municipal de aforro e optimización do subministro de auga’, tal e como xa propuxeron nunha das emendas presentadas polo BNG aos orzamentos municipais deste ano, rexeitada polo PSOE. Outra das cuestións que urxen resolver son as “manifestas insuficiencias” da actual estación potabilizadora, para o que as nacionalistas exixen tamén o compromiso da Xunta de Galiza.

Ben público

Para alén diso, Serafín Otero defende a necesidade de comezar a dar pasos para superar un modelo de xestión da auga “privatizado e que só beneficia a unha grande empresa concesionaria”, na liña dos procesos que se están a desenvolver a nivel internacional para poñer baixo control público este servizo esencial. 

Nese sentido, Otero exixe, no inmediato, que se execute o acordo plenario que mandata a modificación do sistema tarifario e do recibo da auga na cidade. “Abel Caballero leva anos negándose a modificar un recibo da auga que só serve para asegurar os lucros de Aqualia, algún día debería explicar porqué. É hora xa de aplicar unhas tarifas racionais, que permitan pagar só polo realmente consumido, que aposten no aforro no consumo e que diferencien en maior medida o consumo doméstico do industrial. A auga é un ben público, non pode ser tratada como unha mercadoría máis”, manifestou o dirixente nacionalista.