O BNG de Vigo denuncia o desprezo e marxinación da música en galego na programación dos concertos de Castrelos
A fronte nacionalista critica que só 2 das 18 actuacións programadas sexan en galego e reclama unha aposta decidida pola cultura e a creación musical do país
Xabier P. Igrexas: “Os concertos de Castrelos deberían servir tamén para promover a normalización do galego na maior cidade do noso País, pero o Goberno de Abel Caballero insiste en relegar a nosa lingua a un papel residual e testemuñal”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo denunciou este venres o que cualifica como un novo exemplo do “desprezo e marxinación” da música en galego por parte do Goberno municipal de Abel Caballero na programación dos concertos de Castrelos para este verán. A fronte nacionalista alerta de que, das 18 actuacións incluídas nos 15 espectáculos programados, só dúas serán en galego e ambas forman parte dun evento promovido por FNAC, sen seren unha iniciativa programada directamente polo Concello de Vigo.
O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, lamentou que “o principal escaparate musical da primeira cidade galega continúe dando as costas á nosa lingua e á nosa cultura”, nun contexto no que a música galega vive “un momento de extraordinaria creatividade, proxección e éxito de público”.
Desde o Bloque subliñan ademais que ningún dos espectáculos destinados ao público infantil será en galego, un feito que consideran especialmente grave por tratarse dunha programación dirixida ao segmento no que máis ten retrocedido o uso da nosa lingua.
“Ese son os datos que ilustran até onde chega o lamentábel desprezo do Goberno municipal de Abel Caballero cara á nosa lingua e cultura. Un exercicio de galegofobia e autoodio, moi do gusto da dereita ultraespañolista de PP e VOX, que é ademais inxustificábel nun momento no que a escena musical galega está nunha verdadeira explosión”, valorou Igrexas, que tamén cuestionou o reducido papel que se lle da a música creada por mulleres.
A formación nacionalista lembra que leva anos reclamando unha maior presenza da música en galego nos grandes concertos de verán da cidade, sen que o executivo local modificase unha política cultural que cualifican de “inxusta e discriminatoria”. Neste sentido, advirten de que non se trata dun feito puntual, senón dunha tendencia consolidada nos últimos anos.
“Os concertos de Castrelos deberían servir tamén para promover a normalización do galego na maior cidade do noso País, pero o Goberno de Abel Caballero insiste en relegar a nosa lingua a un papel residual e testemuñal”, criticou o portavoz nacionalista.
Falla de apoio as bandas locais
Desde o Bloque tamén cuestionan a escasa presenza de artistas e grupos da cidade na programación deste verán. Segundo sinalan, apenas cinco grupos ou intérpretes de Vigo forman parte do cartel, malia o recoñecido dinamismo e a importancia do “fervedoiro musical” vigués.
Para o BNG, esta situación evidencia a falta dunha política municipal de apoio á creación cultural propia e engádese ao que consideran un “abandono continuado e mesmo maltrato” ás bandas musicais da cidade. A este respecto, lembran o incumprimento do anuncio realizado polo alcalde en 2023 sobre a celebración do festival Rocking Vigo, unha iniciativa que finalmente nunca chegou a materializarse.
“É indecente que o escenario de Castrelos só teña espazo para o alcalde-teloneiro e os seus ridículos mitins de autobombo, pero non para as músicas e músicos de aquí que teñen acreditado un talento de primeirísimo nivel” reprochou Igrexas.
Desde o Bloque reivindican unha programación cultural que reflicta a realidade creativa do país, que apoie os e as artistas locais e que contribúa á promoción da lingua galega. “Fronte a un Goberno que despreza a forza creativa e musical que latexa en Vigo e que marxina o galego, nós reivindicamos o orgullo de termos lingua e cultura propias, ás que as viguesas e vigueses non imos renunciar”, concluíu o portavoz nacionalista.