O Bloque denuncia o “abandono e desamparo” das vítimas do accidente do Marisquiño
- O candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas, exixiu que Concello, Porto e Xunta “atendan as necesidades das persoas afectadas e deixen de escorrer o vulto”.
- O deputado nacionalista, Luís Bará, comprometeuse coa Plataforma de Afectados/as do Marisquiño a “levar a súa voz” á Comisión de Investigación aberta no Parlamento de Galiza.
O BNG mantivo a última hora da tarde de onte, mércores, unha xuntanza con representantes da Plataforma de Afectados/as do accidente do Marisquiño, impulsada pola Federación Veciñal. No encontro, asistiron pola fronte nacionalista o seu candidato á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, o deputado Luís Bará e mais o responsábel comarcal do Bloque, Manuel Caride. A reunión, celebrada a proposta do BNG, e na que participaron entre outros a presidenta da Favec, María Pérez, e o portavoz da Plataforma, Julio López, tiña por obxectivo contrastar coas persoas afectadas e as súas familias o enfoque dos traballos da Comisión de Investigación sobre o accidente do Marisquiño aberta no Parlamento de Galiza.
“Escoitando de primeira man as persoas afectadas por un accidente sen precedentes na historia da cidade, resulta intolerábel comprobar como as 467 persoas que resultaron feridas e as súas familias padecen o abandono e o total desamparo por parte do Concello de Vigo, da Autoridade Portuaria e da Xunta de Galiza” denunciou ao remate do encontro o candidato nacionalista ás próximas eleccións municipais, Xabier P. Igrexas.
Igrexas exixiu ás tres administracións implicadas, e especialmente ao Concello de Vigo que deixe de virar as costas ás persoas afectadas. “A presunta oficina de atención municipal parece que foi apenas un xesto de propaganda. Unha farsa. As vítimas e as súas familias non están a recibir a atención nin a axuda que merecen e que por xustiza lles deben brindar. É lamentábel que teña que ser o esforzo organizativo, sen apenas medios, dunha plataforma e mais da Federación Veciñal o único punto de apoio real”, explicou. Neste sentido, o candidato exixiu que de maneira inmediata se ofreza atención psicolóxica a todas as vítimas que o precisen e que se ofreza plena asistencia legal. “Desgraciadamente son moitas as vítimas que precisan atención psicolóxica despois de viviren unha experiencia tan traumática, e non é de recibo que desde o Sergas se atenda isto como se fose unha enfermidade común ou un problema máis. Son vítimas dun accidente que por fortuna non foi máis grave, pero que puido selo”, acrecentou. No plano legal Igrexas considera “repugnante” que, segundo o relatado polas propias persoas afectadas, o único asesoramento xurídico que recibiron na oficina municipal foi derivalas á aseguradora do evento e intentar persuadilas de que non denunciasen o Concello.
Investigar até o final
Pola súa banda, o deputado Luís Bará que será o representante do BNG na Comisión de Investigación aberta no Parlamento de Galiza, comprometeuse diante das persoas afectadas a “defender que se investigue o que pasou até o final e caia quen caia”. Bará informou á Plataforma de Afectados/as de que o Bloque demandará a comparecencia dos “principais responsábeis das tres administracións implicadas: Abel Caballero, Enrique López Veiga e Alberto Núñez Feixóo”. Aliás, transmitiulles o compromiso da formación nacionalista de levar a voz das vítimas e das súas familias á comisión para que “escoiten no Parlamento o relato de quen sufriu un gravísimo accidente nun espazo público da cidade de Vigo que puido acabar en traxedia”. Bará lamentou tamén que a falla de cooperación entre administración teña provocado a falta da mantemento dun espazo de acceso público “comprometendo a seguridade e arriscando vidas humanas”.
A respeito da probábel negativa de Abel Caballero a comparecer na Comisión parlamentar, Bará considerou que sería “indefendíbel que o alcalde de Vigo non asista ao Parlamento para dar explicacións e achegar toda a documentación necesaria”. En relación a esta cuestión, Pérez Igrexas expresou con rotundidade que a non comparecencia do rexedor sería “inxustificábel”. “Se se nega a responder a preguntas sobre un asunto tan grave como este o que ten que facer é dimitir porque non é digno de continuar á fronte do goberno da cidade”, remachou o candidato nacionalista.