O BNG comprométese a impulsar a reforma integral das pistas de atletismo este mesmo 2019

SAVE_20190504_162207

O candidato do Bloque á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, mantivo este sábado un encontro con representantes de clubes e de atletas,

“O abandono ruinoso das pistas de atletismo de Balaídos simboliza o que lle importa ao actual goberno municipal o deporte. Este mandato foron 4 anos perdidos para o deporte vigués, non podemos permitirnos máis”, denuncia Igrexas.

O BNG comprométese a impulsar a reforma integral das pistas de atletismo este mesmo 2019

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, mantivo este sábado un encontro nas inmediacións das pistas de atletismo de Balaídos cunha representación de clubes e de atletas. Na xuntanza, Igrexas denunciou a “total inacción” tanto do Concello como da Xunta para acometer a necesaria reforma integral das pistas, a pesar de exitir un acordo entre ambas administracións desde 2009.”Levamos dez anos vendo como o enfrontamento inútil entre Caballero e Feixóo impediu que se actuase para modernizar unhas pistas que deberan ser un emblema do deporte vigués e galego”, criticou. “Nesa lea permanente na que un cre que gaña un inimigo exterior ao que responsabilizar de todo o que non funciona na cidade, e na que outro cre que ten unha coartada para seguir abandonando a principal cidade de Galiza, quen perdemos seguro somos as viguesas e os vigueses”, reprochou o candidato nacionalista.

Igrexas comprobou, por boca de clubes e de atletas, que o detererioro das instalacións continúa a avanzar cara a un estado case ruinoso. “É inxustificábel ter aseos sen funcionar, uns vestiarios que non reúnen as minimas condicións ou un ximnasio que máis ben se converteu nun almacén de ferralla”, aseverou. Diante das últimas actuacións realizadas sobre o anel atlético e que provocaron que por falta de homologación federativa non se puideran realizar algunhas probas, Pérez Igrexas, cualificou a xestión da concellaría de Deportes de “chapuzada lenta e cutre”. O candidato do Bloque recolleu algunhas demandas urxentes como son a de dotar a pista dunha nova xaula de lanzamento, unha nova colchoneta para salto de pértiga ou a ampliación do horario de apertura.

“Vigo ten dado atletas de talla olímpica. Somos unnha cidade na que ten medrado enormemente a práctica atlética, con millares de viguesas e vigueses a correr, pero temos probabelmente as peores instalacións das cidades galegas. Só temos unhas pistas, xa que as do CUVI están inutilizábeis, sen módulo cuberto e nun estado calamitoso. Vigo e o deporte vigués merecen moito máis”, afirmou Igrexas despois de comprometer que o BNG será determinante para urxir que a reforma integral das pistas se desbloquee este mesmo 2019. O proxecto elaborado desde hai dez anos suporía un salto cualitativo para as instalacións viguesas e o seu custo sería perfetamente asumíbel polo Concello mesmo se a Xunta do Partido Popular persiste na súa negativa a financialo. “Falamos de apenas 2,5 millóns de euros. O nadal pasado gastamos case 2 millóns de euros en luces e adornos. Non é un problema de diñeiro, é un problema de vontade política. E nin o PSOE no Concello, nin o PP na Xunta a teñen”.

Ademais, o candidato nacionalista rexeitou a opción de instalar debaixo do estadio de atletismo un parking. “Hai ubicacións alternativas a poucos metros e non queremos que ningún proxecto poña en risco a continuidade das pistas en Balaídos”, advertiu.

O BNG comprométese a impulsar a reforma integral das pistas de atletismo este mesmo 2019