A Xunta Eleitoral resolve que o Concello de Vigo incumpriu a lei con anuncios electoralistas 

A Xunta Eleitoral Provincial de Pontevedra vén de estimar a denuncia formulada polo BNG a respeito dunha inserción publicitaria do Concello de Vigo nun xornal da cidade na que se presentaban 3 imaxes de grande formato do candidato Abel Caballero gabándose dos logros da política municipal en eventos deportivos. 

O fallo do organismo eleitoral require ao Concello de Vigo que se absteña de realizar actuacións similares para dar publicidade a ningunha candidatura electoral, neste caso do PSOE, advertindo de posíbeis sancións.

A Xunta Eleitoral resolve que o Concello de Vigo incumpriu a lei con anuncios electoralistas 

 A publicación, o pasado 21 de abril, dun anuncio a páxina completa no xornal de maior tirada da cidade con tres fotografías de grande formato do candidato do PSOE, Abel Caballero, sob o lema “Vigo, municipio polideportivo. O Concello programa os mellores evento para a promoción das modalidades”, motivou unha denuncia do BNG perante a Xunta Eleitoral de Zona que resolvía non estimala alegando que o Concello informou de que non financiara nin contratara directamente o referido anuncio, malia que si figuraba expresamente o logotipo oficial da institución municipal. Na tarde de hoxe, a Xunta Eleitoral Provincial de Pontevedra, a instancias dun recurso promovido polo BNG, revisou esa decisión e acordou estimar a denuncia formulada pola fronte nacionalista.

Vista do anuncio referido que foi denunciado nas redes polo candidato do BNG

A Xunta Eleitoral Provincial entende que ese anuncio incumpre o previsto expresamente no artigo 50.2 da LOREX, no que se recolle que “desde a convocatoria das eleccións e ata a súa celebración, queda prohibido calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións aos logros ou realizacións obtidos, ou que empregue imaxes ou expresións coincidentes ou semellante ás utilizadas nas súas propias campañas por calquera das entidades políticas que concorren ás eleccións”. 

O acordo da XEP inclúe tamén o requirimento expreso ao Concello de Vigo para que se absteña de volver incorrer nestas prácticas contrarias á lei advertindo da posíbel incoación dun expediente sancionador. "Acordamos requirir ao Concello de Vigo a fin de que no sucesivo se absteña de realizar actuacións similares, e en particular a utilización de convenios de colaboración e outros actos ou instrumentos de financiamento, directo ou indirecto, para realizar publicidade de ningunha das candidaturas concorrentes ao proceso electoral, e todo iso coa advertencia de que, en caso contrario, incoarase expediente sancionador, de conformidade co estabelecido no artigo 153.1 da LOREX", conclúe a resolución.

Dopaxe publicitaria

Coñecida a resolución da XEP estimando a denuncia presentada polo BNG, o seu candidato á alcaldía Xabier P. Igrexas, denunciou “o intento do PSOE vigués de acudir ás eleccións municipais nunha clara situación de dopaxe publicitaria, incumprindo a legalidade e utilizando recursos públicos de todos e todas as viguesas para financiar a súa propaganda electoral”, algo que xulgou como “intolerábel e antidemocrático”.

Aliás, Igrexas lamentou que toda a política deportiva da que se pode gabar o actual goberno municipal sexa un “patético álbum fotográfico de culto á personalidade de Abel Caballero”. “O deporte vigués é moito máis que iso a pesar da nefasta política deportiva do Concello de Vigo”, retrucou o candidato nacionalista. 
 

A Xunta Eleitoral resolve que o Concello de Vigo incumpriu a lei con anuncios electoralistas