O BNG cualifica de “espectáculo lamentábel” a lea pola iluminación da ponte de Rande e urxe o rescate da AP9
- O concelleiro, Xabier P. Igrexas, afirma que causa “arroibo” a competición entre Xunta e Concello por ver “quen ten as luces máis longas”.
- A fronte nacionalista contrapón que o verdadeiramente importante sería facer de Rande a ponte de acceso a unha AP9 “pública, galega e libre de peaxes”.
VIGO, 14 de setembro de 2019.- A polémica suscitada polo anuncio de iluminar o perfil da ponte de Rande desatou un agre intercambio de acusacións e reproches entre o Goberno municipal de Vigo e a Xunta de Galiza. Esta nova lea mereceu unha crítica severa por parte do BNG, quen por boca do seu concelleiro, Xabier P. Igrexas, cualificou esta mañá de “absolutamente lamentábel o espectáculo que están a dar PSOE e PP, desde Concello e Xunta, competindo por ver quen é o pai ou nai da idea de converter a ponte de Rande no ‘Golden Gate’ galego, iluminando a ponte”.
Igrexas asegurou que este novo episodio na permanente batalla partidista que protagonizan Caballero e Feixóo “causa arroibo”, e chamou a centrar a atención política e os esforzos na transferencia e rescate da AP9. “O que lle dicimos a Concello e Xunta é que o que debería preocuparlles e ocuparlles é forzar o Goberno español a que acabe coa aldraxe, co saqueo e co atraco diario que padecen moitos millares de viguesas e vigueses, millares de galegas e galegos, todos os días cando fan uso da AP9”, demandou.
O edil nacionalista lembra que o pasado mes de agosto a ponte de Rande recibiu case 72 mil vehículos por día e que o tramo da autoestrada entre Vigo e Pontevedra duplica o tránsito da conexión entre Coruña e Compostela. “O que nos debera preocupar é que Rande sexa a ponte de acceso a unha autoestrada pública, galega e libre de peaxes tal e como levamos moitos anos a demandar o BNG”, defendeu fronte ao que definiu como “batallas estériles para ver que ten as luces máis longas”.