O BNG demanda participación e transparencia para potenciar o autobús en Vigo
- O concelleiro, Xabier P. Igrexas, denuncia a opacidade coa que o Goberno municipal está a elaborar o novo prego de concesión.
- A fronte nacionalista critica a “consulta farsa” aberta polo Concello en pleno mes de agosto para regular o servizo.
- Igrexas iniciará unha rolda de contactos coas asociacións veciñais, o Comité de Empresa da actual concesionaria e o movemento ecoloxista para poñer en común a aposta do BNG por “revolucionar a mobilidade en Vigo”.
O BNG denunciou esta mañá a “total opacidade” coa que se está a desenvolver o proceso de elaboración do novo prego de condicións para a concesión do servizo de autobús urbano de Vigo. “Despois de que o actual Goberno municipal anunciase que non ía prorrogar a concesión, nada se sabe do novo prego”, alertou o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas.
A fronte nacionalista demanda participación e transparencia fronte á “consulta farsa” que o Concello puxo en marcha no mes de agosto para a redacción do regulamento do servizo. Igrexas iniciará nos próximos días unha rolda de contactos coas asociacións veciñais, o Comité de Empresa de Vitrasa e o movemento ecoloxista da cidade co obxectivo de poñeren en común a aposta do BNG por “revolucionar a mobilidade en Vigo”.
Comisión cidadá
O voceiro nacionalista esixirá que o Goberno municipal informe “de contado” do proceso de elaboración do novo prego da concesión, para o que demandou que se conte de verdade coa opinión do tecido asociativo. Nese sentido, Igrexas propón que se constitúa unha Comisión Cidadá, integrada polo movemento veciñal, colectivos ecoloxistas, sindicatos e especialistas, para definir de maneira conxunta a “necesaria e urxente” remodelación do servizo do bus urbano. “Non podemos continuar co actual modelo de transporte que non está á altura dunha cidade de 300 mil habitantes”, resumiu o edil.
En troca, aposta por aproveitar a nova concesión para remodelar “a fondo” o actual mapa de liñas co obxectivo de conectar mellor os barrios e as parroquias e vertebrar a cidade, así como para mellorar substancialmente as frecuencias. “En Vigo ninguén conduce por pracer. Son millares as viguesas e vigueses que se ven obrigadas cada día a facer uso do seu coche particular polas deficiencias do servizo de autobús e especialmente as súas escasas frecuencias”, explicou.
Novo modelo de mobilidade
Para o BNG a cuestión do transporte é “estratéxica”. “Na cidade fundamentalmente o que facemos é movernos. Para ir traballar, para levar as nosas crianzas á escola ou para practicar lecer. Por iso a mobilidade define en grande medida a nosa calidade de vida e o tipo de cidade na que vivimos”, defendeu Igrexas. Nesa liña, a aposta das nacionalistas é a de “revolucionar a mobilidade” potenciando de maneira decidida o uso do transporte público, o que creará as condicións para volver avanzar no proceso de democratización do espazo público que se iniciara coas peonalizacións da praza da Independencia ou do Calvario.
Aliás, Igrexas subliñou a importancia en termos ambientais de mudar o modelo de mobilidade en Vigo. “Fronte á visión de color gris-cemento deste Goberno ‘arboricida’, o BNG defendemos que o futuro de Vigo só poder ser verde”, reivindicou salientando a importancia de reducir o uso do vehículo privado para gañar en sustentabilidade.
Rolda de contactos
Desde o Bloque critican tamén con dureza a que denominaron “consulta farsa”, en alusión ao proceso de consulta pública promovido polo Goberno local en pleno mes de agosto para elaborar un regulamento do servizo de autobús. “Participación non é habilitar un correo electrónico para que se envíen suxestións que ademais ninguén sabe que se vai facer con elas”, reprochou Igrexas, para de seguido lembrar que nos procesos de exposición pública, a diferenza desta consulta, sométese unha proposta concreta e as alegacións da cidadanía e dos colectivos teñen que ser contestadas polo Goberno. “É claro que se trata dunha consulta farsa, para simular que se quere escoitar mais sen vontade real de facelo”.
En contraste con ese modelo “opaco e xordo na práctica”, Igrexas anunciou que nos vindeiros días iniciarán unha rolda de contactos. Na mesma teñen previsto manter xuntanzas tanto coas asociacións veciñais da cidade que son as “mellor coñecedoras das necesidades dos barrios e as parroquias”, como co Comité de Empresa de Vtirasa dado que o seu persoal terá que ser subrogado no caso de que a concesión recaia noutra empresa. Tamén se reunirán co movemento ecoloxista da cidade, precisamente para enfatizar a importancia en termos ambientais dunha nova mobilidade.