O BNG demanda que se axilicen as obras da Gran Vía e un plan para evitar o caos de tráfico no inicio de curso
- O concelleiro, Xabier P. Igrexas, denunciou a escasa presenza de persoal traballando e a grave conxestión de tránsito nas rúas adxacentes en pleno mes de agosto.
O BNG de Vigo expresou esta mañá a súa “enorme preocupación” pola situación derivada das obras na Gran Vía, iniciadas hai poucas semanas. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, denunciou a escasa presenza de persoal traballando nas obras e a conxestión de tráfico que padecen as rúas adxacentes.
“Estamos vendo como nas obras hai en moitos momentos apenas 2 ou 3 operarios traballando e ás veces inda menos”, advertiu. Emporiso, Igrexas demandou que o Concello supervise o desenvolvemento das obras para asegurar o cumprimento de prego de condicións e que a empresa adxudicataria conta co persoal necesario para realizalas “en tempo e forma”. O edil sinalou que os prazos previstos xa son moi extensos e que cómpre axilizar os traballos para o desbloqueo dunha das principais arterias da cidade.
O voceiro nacionalista fíxose eco das crecentes queixas cidadás a respeito dos efectos que o corte da Gran Vía está a producir. Nese sentido, afirmou as rúas adxacentes padecen unha grave conxestión, con retencións fóra de horas punta. “Se en pleno mes de agosto o tráfico está así, co inicio do curso que provocará máis desprazamentos en coche e máis buses, a situación pode tornarse caótica”, alertou.
Igrexas demanda que o Goberno municipal se poña “desde xa” a preparar un plan de continxencia para evitar o caos circulatorio a partir de setembro, despois de comprobar que a actual reordenación do tráfico non funciona.