O BNG denuncia a política de desmantelamento da Escola Municipal de Artes e Oficios
O candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas, rexeita a supresión do curso de luthería antiga e trasladoulle o seu apoio ao alumnado afectado.
A formación nacionalista demanda que o Concello de Vigo “consolide e alargue a oferta formativa da EMAO en lugar de retallala”.
O alumnado da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) vén de denunciar a intención do Goberno local de suprimir o curso de luthería antiga, unha das trece especialidades do centro e que en todo o Estado só se oferta en Vigo e Bilbao. A non convocatoria da praza docente após a xubilación do actual profesor ameazar con deixar a cidade olívica sen un curso que acumula 35 anos de traxectoria e cun acreditado prestixio. Destarte, preto de 30 persoas ficarán privadas dunha formación pública que o alumnado valora como “excelente”.
O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, trasladoulle onte á portavoz do alumnado, Norka Pérez, o apoio da formación nacionalista e ten previsto manter unha xuntanza con varios representantes a inicios desta semana. Pérez Igrexas denunciou a “política de desmantelamento” que, na súa opinión, está a practicar o actual Goberno municipal cun centro formativo “referencial para a cidade” como é a EMAO. O candidato reclamou á Concellaría de Educación que “rectifique e atenda de inmediato as reivindicacións do alumnado garantindo a impartición do curso de luhería antiga”. Aliás, lamentou a “absoluta falla de respeito e consideración cunha disciplina, a luthería antiga, que supón unha aposta decidida por revitalizar o noso patrimonio cultural e musical”.
Desde a fronte nacionalista demandan que “se consolide e alargue a oferta formativa da Escola Municipal de Artes e Oficios en lugar de retallala”, para o que urxen á consolidación do persoal docente, na súa maioría en situación de eventualidade.
Igrexas adheriuse tamén á campaña de denuncia iniciada polo alumnado asinando a súa petición na plataforma Change.org (https://bit.ly/2B2yWsA) e fai un chamamento ao conxunto da veciñanza a “sumarse para evitar que sigan afogando a EMAO”.