O BNG insta ao Concello de Vigo a aplicar medidas para racionalizar o consumo de auga

auga
  • O concelleiro Xabier P. Igrexas demanda que o Goberno municipal reduza o gasto de auga en actividades como o regado das zonas axardinadas, as fontes ornamentais ou o baldeo de beirarrúas, para evitar que a cidade entre este verán en alerta por seca.
  • "É irracional e insustentábel que se utilice auga que se pode beber para baldear rúas", sostén o edil nacionalista. 
O BNG insta ao Concello de Vigo a aplicar medidas para racionalizar o consumo de auga

O BNG vén de demandar do Concello de Vigo que poña en marcha, con carácter inmediato, medidas de redución do consumo de auga. O concelleiro Xabier P. Igrexas insta, no concreto, a que se restrinxa o regadío das zonas de axardinamento público así como o funcionamento das fontes ornamentais da cidade. Aliás, o nacionalista urxe que se aplique o acordo plenario que mandata que non se pode seguir baldeando rúas da cidade para labores de limpeza con "auga potábel da traída". 

Malia que os embalses da cidade, Eiras e Zamáns, están actualmente no cento por cento da súa capacidade, Igrexas xustifica a necesidade de aforro para evitar que a cidade volva entrar en situación de prealerta ou alerta por seca como sucedeu nos últimos veráns. Neste sentido, o edil nacionalista lembra que as series históricas recollen que é a partir da semana 30, que coincide coa última semana do mes de xullo, cando por causa da falla de precipitacións comeza a caída na capacidade dos embalses. "Trátase de poñer os medios coa suficiente antelación para evitar que un verán máis teñamos que vivir baixo a ameaza de restricións no subministro de auga", explicou.

Para esa finalidade, as súas propostas pasan por aplicar con carácter preventivo algunhas das medidas que se prevén para a situación de prealerta. Nomeadamente no referido á restrinxir o regadío das zonas axardinadas e tamén a limitar o funcionamento das fontes ornamentais da cidade, que malia seren de circuito fechado non son de consumo hídrico cero. 

Outro dos aspectos sinalados pola formación nacionalista é o referido aos baldeos das rúas e beirarrúas para labores de limpeza. Neste sentido, Igrexas urxiu a que se cumpra o acordo plenario que acordaba modificar o actual sistema no que se baldea con auga potábel. "É irracional e insustentábel que se utilice auga que se pode beber para baldear as rúas", enfatizou.

Modificación do recibo

Por último, defendendo que a auga é un ben público pero tamén un ben esencial e limitado, o concelleiro do Bloque reiterou a necesidade de modificar o actual sistema tarifario. "Temos que modificar o recibo da auga, para evitar pagar por unha auga que non se consume, pero tamén para estimular o aforro e, en todo caso, penalizar os grandes consumidores", defendeu, aludindo ao tramo mínimo actualmente vixente de 30 metros cúbicos. 

O BNG insta ao Concello de Vigo a aplicar medidas para racionalizar o consumo de auga