O BNG oponse a que a futura biblioteca estatal supoña o feche da Juan Compañel

20170405080952_2
  • O concelleiro, Xabier P. Igrexas, propón convertela nunha biblioteca municipal para o Casco Vello.
  • A Xunta anunciou que trasladará os fondos e o persoal á nova biblioteca estatal.
O BNG oponse a que a futura biblioteca estatal supoña o feche da Juan Compañel

O anuncio por parte da Xunta de Galiza de que trasladará os fondos e o persoal da actual biblioteca central Juan Compañel para a nova biblioteca estatal, provocou inquedanza no BNG, toda vez o Goberno galego limitouse a comprometer que o actual edificio da biblioteca do Casco Vello se destinará a “usos culturais”. A fronte nacionalista oponse ao feche e propón que se converta, a través dunha cesión, nunha nova biblioteca municipal de barrio, coa que poñer en marcha a Rede que se quixo iniciar coa creación da Neira Vilas no Calvario.

“Dotar Vigo dunha nova biblioteca central, como vai ser a futura biblioteca estatal é unha boa nova. No entanto, desde o BNG, o que si que reclamamos da Xunta de Galiza é o mantemento como biblioteca a actual biblioteca pública Juan Compañel no Casco Vello”, manifestou esta mañá o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Desta maneira, Igrexas oponse ao eventual feche da Juan Compañel afirmando que “non chega con que a Xunta se comprometa a manter usos culturais. Nós entendemos que é fundamental que, para alén de termos unha grande biblioteca central, se siga apostando por descentralizar e por facer accesíbel as bibliotecas, as salas de lectura e os servizos de préstamo de libros”. 

“Podemos entender que se trasladen os seus fondos como biblioteca central e o seu persoal á nova biblioteca estatal, pero aproveitemos que [a Juan Compañel] é unha instalación que xa está equipada e preparada, para instalarmos alí unha nova  biblioteca municipal de barrio”, acrecentou.

O edil nacionalista lembrou a “aposta decidida” que puxo en práctica o propio BNG coa creación da biblioteca municipal Neira Vilas [no Calvario], que “quería ser a primeira dunha rede municipal de bibliotecas de barrio e de proximidade, que infelizmente o actual Goberno municipal non quixo continuar”.

“Queremos achegar a cultura á veciñanza. Queremos achegar o libro como verdadeira chave, como porta de entrada á cultura, a todos os barrios e a todas as parroquias. E por iso queremos evitar que a Xunta bote o feche da biblioteca Juan Compañel”, enfatizou Igrexas. 

Bibliotecas, moito máis que salas de lectura

Por outra parte, o concelleiro do Bloque cualificou de “moi perigosa”  a equiparacion confusa que se está a facer entre salas de lectura e bibliotecas. A este respeito sinalou que “non hai biblioteca sen persoal bibliotecario, que oriente, que catalogue, que axude á comunidade leitora a coñecer os seus fondos, que dirixa a adquisición de novos libros e que dinamice”.

“As bibliotecas son moito máis que un almacén de libros, como ben demostra a Neira Vilas e ese é o modelo que hai que levar ao conxunto dos barrios e parroquias e do que non podemos prescindir, nun ámbito tan importante como é o Casco Vello”, remachou.

O BNG oponse a que a futura biblioteca estatal supoña o feche da Juan Compañel