O BNG propón estudar a implantación da zona verde para facilitar o aparcamento de residentes do Casco Vello

zona verde madrid

_O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, exíxelle ao Goberno local que dialogue coa veciñanza e atenda as súas “xustas reivindicacións”.

_A fronte nacionalista reclama que o Concello impulse a reserva de prazas para residentes nos aparcamentos soterrados das inmediacións do Casco Vello, a principiar polo da Porta do Sol.

O BNG propón estudar a implantación da zona verde para facilitar o aparcamento de residentes do Casco Vello

Diante do problema de estacionamento para residentes do Casco Vello, o BNG de Vigo vén de propoñer ao Concello de Vigo estudar a implantación da “zona verde”, reservando prazas para esta finalidade dentro dos estacionamentos actualmente regulados na XER (zona azul). No concreto, a fronte nacionalista suxire que se habilite a zona verde, ou zonas de dobre delimitación azul e verde -con reserva para residentes limitadas a algunhas faixas horaria-, nos sectores 1 e 5 da vixente ordenanza municipal e que abranguen as rúas Cánovas del Castillo, Carral, García Olloqui, Luis Taboada, Marqués de Valladares, Praza de Compostela, Reconquista, Velázquez Moreno, Progreso, Paseo de Granada, Pracer, Ronda de Don Bosco, María Auxiliadora, Joaquín Loriga, Ecuador, Venezuela, Finisterre, O Pilar, López de Neira, e Taboada Leal. “A zona verde existe xa en moitos municipios e é un medio eficaz para permitir que en contornas con estacionamento limitado as e os residentes poidan dispoñer dun número de prazas suficiente”, explica o candidato do Bloque á alcaldía de  Vigo, Xabier P. Igrexas. 

Esta medida debería acompañarse tamén pola ampliación das zonas de estacionamento regulado a outros ámbitos próximos ao Casco Vello, tanto na súa parte baixa como alta e especialmente nos arredores da Praza do Rei.

Por outra parte, desde o BNG demandan que o Concello de Vigo sexa quen impulse a reserva de prazas nos aparcamentos soterrados que están nas inmediacións do casco histórico. En concreto aluden aos parkings da Laxe, do Berbés, do Naútico, mais tamén ao da Praza do Rei e a Porta do Sol. A respeito deste último, Pérez Igrexas chamou a “reabrilo de maneira inmediata mentres non se poña en marcha a reforma da Porta do Sol, para atender a demanda de prazas de aparcamento”. “É inxusto que se estea a multar a veciños e veciñas do Casco Vello mentres por culpa da falta de xestión do Concello o estacionamento da Porta do Sol segue pechado”, remachou. 

Diálogo

Igrexas reclamou ao Goberno municipal que enfronte o problema real da falta de aparcamento e que o faga “dialogando de maneira directa coa veciñanza e atendendo as súas xustas reivindicacións”. “As veciñas e veciños do Casco Vello demandan solucións non promesas e anuncios en titulares. O mínimo que merecen é que o Goberno local as escoite”, acrecentou o candidato nacionalista.  

O BNG propón estudar a implantación da zona verde para facilitar o aparcamento de residentes do Casco Vello