O BNG lamenta que Caballero se agoche “covardemente” na Constitución en lugar de dar explicacións sobre o grave accidente do Marisquiño
_“A intervención do alcalde de Vigo foi unha lamentábel performance xurídica en troca de esclarecer o que pasou e asumir responsabilidades”, denunciou o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.
_A fronte nacionalista lamenta que non haxa unha rectificación por parte do alcalde para coas 467 vítimas do accidente que denuncian estaren abandonadas.
O BNG de Vigo vén de valorar a intervención de Abel Caballero na Comisión de Investigación do accidente do Marisquiño, decorrido o pasado 18 de agosto no que a plataforma da zona portuaria onde se estaba a celebrar un dos concertos do festival se viu abaixo afectando a 467 persoas. O candidato do Bloque á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, lamentou que a primeira intervención do rexedor non fora nin para ofrecer solucións nin para arroxar luz sobre o que pasou aquela noite. Igrexas criticou que “Caballero se agochase covardemente detrás da Constitución española e do principio de autonomía local, que ninguén discute, para non dar explicacións nin asumir ningunha responsabilidade”.
O alcalde dedicou os preto de vinte minutos que durou a súa primeira intervención a cuestionar o motivo da súa propia comparecencia perante o Parlamento galego, escudándose na súa particular interpretación da autonomía local. “A intervención de Caballero non serviu nin para dar explicacións, nin para recoñecer ningún tipo de responsabilidade, nin sequera para comprometer medidas nin solucións que eviten que este tipo de accidente se volva repetir”, acrecentou Igrexas. Caballero tampouco foi quen de respostar posteriormente a ningunha das preguntas concretas que lle foron formuladas pola deputada do BNG, Olalla Rodil, que desempeñou como voceira nacionalista na sesión de hoxe da Comisión de investigación.
Falla de explicacións
Para o candidato da fronte nacionalista a comparecencia do alcalde “foi unha lamentábel performance xurídica onde o único que fixo o alcalde foi recitar a Constitución Española e escudarse de xeito covarde no principio de autonomía local para evitar aclarar o que pasou”. Para Igrexas Caballero perdeu a oportunidade de achegar a documentación tantas veces requerida pola cámara para esclarecer o que pasou e acreditar a versión municipal. “Hoxe Caballero tiña unha magnífica oportunidade para defender a xestión do seu propio Goberno, acreditar que non houbo marxe de erro nas actuacións levadas a cabo polo Concello e probar que no que dependía da administración municipal a seguridade estaba garantida. Pero non fixo, e unicamente se reiterou nun relato circular” enfatizou.
Neste sentido, o BNG incidiu en denunciar a opacidade coa que o Goberno municipal enfrontou desde o inicio a investigación aberta no Parlamento de Galiza. “Como lle dixo a nosa deputada na Comisión, é inxustificábel e incomprensíbel que non habendo nada que ocultar o Goberno municipal se teña negado sistematicamente a colaborar e a achegar a documentacións que se lle requiría”, apuntou a este respeito o candidato nacionalista. “Primeiro as vítimas e as súa familias, pero tamén o conxunto das veciñas e veciños de Vigo temos dereito a saber o que pasou e o Goberno municipal, como as restantes administracións implicadas, a obriga e a responsabilidade de dar as respostas”, remachou.
As vítimas, desatendidas
Para a fronte nacionalista o máis grave da intervención do alcalde de Vigo é o total desamparo das 467 vítimas do accidente para alén dunha breve mención ao inicio do seu discurso: “Lamentamos que non teña ofrecido ningunha rectificación ao respeito do total abandono das vítimas e, o que é máis grave, que non se teña tomado algunha medida concreta que permita reforzar a seguridade en futuros eventos públicos que se celebren na cidade”, enfatizou. Igrexas rexeitou o discurso “ofensivo e covarde” do alcalde que xulgou “impropio de alguén que se considera máximo responsable da política municipal na principal cidade de Galiza”.