O BNG de Vigo propón instalar na cidade parques infantís cubertos
_O Bloque propón ante o Concello aproveitar a remodelación, xa licitada, de varios parques para instalar zonas de xogo cubertas. Demandan tamén unha programación estábel de actividades de lecer para a infancia e a mocidade.
_"Hai unha importante carencia en políticas de materia infantil e xuvenil, non hai alternativas de ocio estables”, denuncia o candidato nacionalista á alcaldía, Xabier P. Igrexas.
O BNG de Vigo demandou esta mañá que o Concello de Vigo poña en marcha parques infantís cubertos na cidade, para uso e desfrute da cativada cando o tempo non acompañe. Así llo fixeron saber ao goberno local despois de que se veña de aprobar recentemente a licitación para a remodelación de tres espazos de ocio infantíl na cidade de Vigo: o parque infantil do Calvario, o da Praza de Maruja Mallo e o da Alameda de Bouzas. Aproveitando que se van facer obras de restauración nestes tres parques, o candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas, propón que se fagan cubertos para aproveitar tres espazos magníficos dos que agora só se pode desfrutar con bo tempo: “Entendemos que é unha necesidade. Os días de chuvia, en moitas ocasións os pais e as nais temos que levar os nosos fillos e fillas a un centro comercial por falta de alternativa”, denuncia.
Pérez Igrexas ve moi positivo para a cidade de Vigo dispor de parques infantís cubertos, con zonas de xogo que permitan o seu aproveitamento nos días en que o tempo non acompañe e engade que este tipo de espazos xa existen noutras cidades do estado e do mundo: “O goberno ten que comprometerse a serio para ofrecer unha programación de lecer de calidade para os máis cativos e cativas”, afirmou lembrando que Vigo só ten dous espazos nestes momentos con estas características, o espazo infantil do Pavillón de Coia e mais a Casa da Xuventude, este último con moitas precariedades.
Falta de políticas para a infancia e a xuventude
O Bloque denuncia que en Vigo non haxa un compromiso máis activo coa mocidade e as nenas e nenos, pois a oferta a día de hoxe é moi escasa e non hai apenas alternativas en canto a activades de ocio e tempo libre: “Hai unha importante carencia en canto a políticas en materia de infancia e xuventude, precisamos unha programación estábel e de calidade con máis actividades deportivas, culturais e de lecer”, engade. E por iso reclama ó Concello máis espazos, unha maior oferta e máis variada e unha programación “atractiva e continuada”.