O BNG de Vigo propón un programa municipal de información e atención ao colectivo LGBT
- O concelleiro electo do Bloque, Xabier P. Igrexas, aposta en que o Concello se implique en maior medida coa diversidade afectivo, sexual e de modelos de familia, e despregue campañas de sensibilización contra a LGBTfobia nos centros de ensino.
- A fronte nacionalista critica o retroceso que supuxo a chegada do PP á Xunta de Galiza e que se traduciu na supresión dos Centros Quérote que prestaban asesoramento afectivo-sexual defendendo a diversidade.
Coincidindo co inicio das actividades da celebración do Orgullo LGBT na cidade de Vigo, e cando se cumpren cinco décadas do inicio histórico desta reivindicación, o BNG vén de demandar unha maior implicación por parte do Concello de Vigo.
O concelleiro electo do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, reclamou esta mañá do Concello “un compromiso efectivo, un compromiso material e concreto, a favor da diversidade sexual”. “Nós saúdamos e celebramos que se volva pendurar da casa do Concello a bandeira do arco da vella, pero entendemos que o Concello de Vigo ten que desenvolver accións concretas e despregar recursos”, explicou.
Neste sentido, Igrexas propón a posta en marcha dun Programa municipal de información e atención ao colectivo LGBT que, entre outras cuestións, teña como prioridade despregar campañas de sensibilización fundamentalmente nos centros de ensino da cidade. “Sería un erro dar por completamente normalizada a realidade diversa, de diversidade de tendencias e identidades sexuais, cando seguimos asistindo a casos de discriminación, a casos de acoso e mesmo de mobbing laboral por razón de orientación ou de identidade sexual”, advertiu o edil electo facéndose eco das preto de 300 situacións discriminatorias recollidas polo colectivo Nós Mesmas no último ano. “A mellor maneira para enfrontar esta realidade é actuar desde a sensibilización, a concienciación social e a visibilización dos diferentes modelos afectivos, sexuais e de familias”, defendeu.
En relación ao obxectivo desta iniciativa, Igrexas explicou que se trata dun programa para dar apoio económico, técnico, ao traballo que xa está a realizar o tecido asociativo, cunha enorme labor de colectivos como a Asociación Nós Mesmas, que son as organizadoras do programa do Orgullo na nosa cidade. “Estes colectivos necesitan dun maior apoio municipal. De máis medios, de máis recursos, pero tamén dun apoio institucional máis decidido do que están a recibir”
Con esta iniciativa defenden que desde o ámbito municipal se supla unha carencia existente resultado da “política de recortes” que impuxo o Partido Popular desde o seu retorno á Xunta de Galiza, hai unha década, e que Igrexas exemplificou na supresión dos Centro Quérote que prestaban servizos de orientación afectivo-sexual. “Nós cremos que Vigo somos unha cidade moderna, unha cidade diversa, que ten que poñerse tamén na vangarda dos dereitos sociais e iso pasa tamén por defender, no concreto, con actuacións efectivas, as liberdades sexuais”, resumiu.