Ana Miranda alerta á Comisión Europea dun posible uso indebido de fondos europeos na ampliación do túnel da Porta do Sol
A eurodeputada do BNG apunta á contradición entre o obxectivo europeo de reducir os vehículos privados no centro das cidades e a construción desta infraestrutura
A fronte nacionalista denuncia o carácter “innecesario e insustentábel” deste macrotúnel que suporá dilapidar preto de 40 millóns de euros de recursos públicos
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dirixiu unha pregunta á Comisión Europea sobre a ampliación do túnel da Porta do Sol, no centro de Vigo, e o posible uso indebido de fondos europeos para a construción desta infraestrutura.
No documento, a eurodeputada galega apunta que desde que inicialmente se iniciou o proxecto en 2020, cunha licitación inicial de 13,4 millóns de euros o custo da obra executada elevouse até os 16,6 millóns. Mais previsiblemente o custo das obras aumentará xa que as últimas informacións apuntan a que a ampliación do túnel até Torrecedeira o gasto ascendería a 20 millóns de euros, o que suporía un sobrecusto do 63% sobre a contía prevista inicialmente, e as obras rematarían en 2026 ou 2027.
“Dado que nestes catro anos se puxeron en marcha alternativas ao tráfico nesta zona, a todas luces parece que a construción deste túnel é innecesaria e superflua, ademais dun gasto inútil”, sinala Ana Miranda ao respecto, tendo en conta que un dos obxectivos da Axenda Verde europea é reducir o uso dos vehículos privados no centro das cidades.
Ademais, a eurodeputada galega sinala que a construción deste túnel está supeditada a un aumento do financiamento que se levará a cabo mediante unha reprogramación dos fondos europeos “e non en aras de mellorar a calidade do aire dunha cidade que supera xa os límites legais de contaminación da UE para 2030”.
En consecuencia, Ana Miranda pregunta á Comisión se lle resulta contraditorio a intención de ampliar este túnel no centro de Vigo e se ten pensado pensado facer seguimento dun probable indebido uso de fondos europeos.
Túnel innecesario
De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cuestionou tamén que o Goberno local pretenda “enterrar un total de case 40 millóns de euros nun macrotúnel que xa se demostrou absolutamente innecesario e que o único que provocou foron importantes afeccións para a veciñanza e tecido comercial da contorna”.
Para Igrexas é “irracional que se pretendan dilapidar millóns de recursos públicos, co agravante de facer uso de fondos europeos, para soterrar o tráfico no centro en lugar de apostar por unha mobilidade alternativa que permita reducir o uso do coche particular”.
Neste sentido, a fronte nacionalista xa trasladou na última Comisión Informativa de Fomento do Concello de Vigo a proposta de constituír unha mesa de especialistas para o estudo de opcións alternativas que permitan manter a peonalización total da Porta do Sol e estendela até a rúa Elduayen e o Paseo de Afonso e, ao tempo, avanzar nunha mellor sustentabilidade ambiental.