O BNG afea o “indigno silencio institucional” do Concello de Vigo diante do xenocidio na Palestina
A fronte nacionalista volve reclamar nun escrito ao alcalde unha declaración institucional, pendurar a bandeira palestina no consistorio e unha liña de axudas humanitarias, en solidariedade coas miles de vítimas da ofensiva militar de Israel iniciada hai un ano
Critica os vetos de PSOE e PP ás iniciativas do Bloque e de entidades sociais na cidade
Xabier P. Igrexas: “A indiferenza perante un xenocidio é complicidade, polo que urxen accións que secunden o masivo clamor social que existe en Vigo fronte a este masacre”
O Bloque Nacionalista Galego afea o “indigno silencio institucional” do Concello de Vigo cando se cumpre un ano de xenocidio contra a Palestina. A fronte nacionalista volve reclamar ao alcalde, Abel Caballero, o despregamento de accións que secunden o masivo clamor social na cidade en solidariedade coas miles de vítimas da ofensiva militar de Israel.
“O silencio do executivo que preside perante esta gravísima vulneración dos dereitos humanos, con flagrantes crimes de guerra como sinalou de maneira inequívoca a propia Corte Penal Internacional, contrasta coa posición adoptada perante outros conflitos como a guerra na Ucraína”, denunciou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, no escrito dirixido ao rexedor vigués.
Igrexas chamou nese sentido a promover unha declaración institucional do Concello condenando o xenocidio do réxime sionista de Israel en contra do pobo palestino. Unha declaración na que, detallou, se esixa tamén un inmediato cesar-o-fogo, a intervención da denominada Comunidade Internacional para facer cumprir as resolucións da ONU e prestar axuda humanitaria e iniciar a reconstrución en Gaza. “A indiferenza perante un xenocidio é complicidade”, defendeu.
Netanyahu, persoa non grata
Dende a fronte nacionalista reclamaron tamén que o Concello inste ao Goberno español á ruptura de relacións con Israel e a aplicar un embargo de armas; así como a esixir a depuración de responsabilidades polos crimes de guerra e de lesa humanidade perante a Corte Internacional de Xustiza, declarando formalmente a Benjamín Netanyahu e a todas as persoas integrantes do seu gabinete “persoas non gratas” na cidade de Vigo.
Aliás, o BNG demandou que se pendure na fachada da casa consistorial unha bandeira da Palestina como mostra de solidariedade, do mesmo xeito que se realizou con outros conflitos armados. Chamou tamén a convocar o Consello Municipal de Cooperación Internacional para definir unha liña de axudas humanitarias por parte do Concello.
Vetos de PSOE e PP
O portavoz municipal nacionalista criticou os “vetos incomprensíbeis” dos grupos do PSOE e do PP locais durante o último ano a diferentes iniciativas nese camiño.Entre elas, as propostas do Bloque dunha declaración institucional para reclamar paz e liberdade para a Palestina no Pleno municipal, a de outorgar a Medalla da Cidade á organización UNRWA no seu 75 aniversario e destinar 300 mil euros de axuda humanitaria. De igual forma, afeou o bloqueo dunha declaración promovida pola Plataforma Cívica pro Dereitos do Pobo Palestino, da que fai parte o propio PSOE local.
Un ano de xenocidio
Dende o BNG condenaron os “niveis de destrución e morte insoportábeis para o conxunto da humanidade” rexistrados nos últimos doce meses de ofensiva militar do “réxime sionista, supremacista e de apartheid” de Israel contra a Palestina: máis de 42 mil persoas asasinadas, 17 mil eran crianzas (800 bebés de menos dun ano) e 11 mil mulleres, con preto de 100 mil feridas e case 10 mil desaparecidas. En total, 9 de cada 10 habitantes da faixa de Gaza foron expulsas do seu territorio, con 350 mil vivendas atacadas e 150 mil destruídas. Con 125 centros educativos e universitarios arrasados, 94 centros de saúde e hospitais destruídos e bloqueos de Israel no despregamento de axuda humanitaria. Un masacre que se ten estendido con agresións no resto de territorios da Palestina ocupada e unha crecente e perigosa escalada bélica no Medio Oriente, como é o caso do Líbano.
“Para unha paz xusta e duradeira e que garanta a seguridade ten que alicerzarse no recoñecemento con todos os efectos do Estado Palestino e a aplicación das resolucións da ONU, ditadas nos últimos 76 anos de ocupación ilegal por parte de Israel”, remachou Igrexas, pedindo que o Concello de Vigo, como institución que representa a vontade democrática das viguesas e vigueses, “abandone o seu silencio cómplice”.