Bará chama en Vigo a unir na papeleta do BNG todo o voto do cambio para conseguir un tempo novo para Galiza
O cabeza de lista afirma que o Bloque na Xunta “porá no centro” as propostas para Vigo cambiando a política de confrontación estéril por unha política de cooperación intelixente
O portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, subliña a “importancia decisiva” do voto da cidade de cara aos comicios do 18F
“Hoxe comeza a conta atrás para o cambio galego”. O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, abriu hoxe en Vigo a campaña das eleccións galegaschamando á mobilización e a concentrar na papeleta do BNG o voto de todas as viguesas e vigueses que queren derrotar ao Partido Popular, incluso daquelas que en anteriores eleccións votaron a outras forzas políticas, para queo vindeiro 18F haxa un cambio de época para Galiza con Ana Pontón como primeira presidenta da historia. “Que non se perda nin un só voto”, pediu.
Bará dirixiuse “ás persoas que lle queren a este país independentemente do que votase noutras eleccións, porque hai moitas maneira de sentirse galegas e galegos” para pedir o seu apoio. Sinalou que o BNG vai ir a por todas, a disputar e a gañar ao Partido Popular, chegando a todos os ámbitos e todos os sectores para propiciar non só un cambio de goberno, “senón un cambio de época con Ana Pontón como a primeira presidenta da historia, a que simboliza a esperanza do cambio”.
O cabeza de cartel insistiu en que o resultado destas eleccións vai decidirse por poucos votos e salientou que van ser decisivos dous factores, o primeiro que haxa un incremento da participación e que todo o voto do cambio se concentre na papeleta do Bloque, a única alternativa real, dixo, para disputar a Presidencia da Xunta ao Partido Popular. “Se iso pasa, o cambio vai estar asegurado”, garantiu, advertindo que todo voto que se disperse favorece ao Partido Popular.
O cabeza de cartel subliñou que o BNG está a facer unha campaña baseada en propostas, falando dos temas de Galiza, dos problemas da xente, pensando nas necesidades do territorio e ofrecendo alternativas e ideas fronte ao intento de levar os debates a temas alleos.
En chave local, destacou que o Bloque vai “poñer no centro” as propostas para Vigo, unhas propostas que se poden resumir nunha idea fundamental: cambiar a política de confrontación estéril por un unha política de cooperación intelixente da Xunta coa cidade de Vigo e a súa área metropolitana. O Bloque dende a Xunta, dixo, traballará “para facer de Vigo esa grande locomotora industrial de Galiza, para facer de Vigo un gran polo científico e tecnolóxico, facer desta cidade e a súa área o grande porto atlántico e tamén para facer de Vigo a ponte de comunicación e relación privilexiada co Norte de Portugal”.
Segundo o nacionalista, o ambiente cara o BNG é extraordinario, mais sinalou que non hai aínda nada feito, polo que anunciou a mellor campaña da historia das e dos nacionalistas para ter tamén o mellor resultado da historia, “superar todos os teitos electorais e derrotar o PP, chegando a superar incluso os 450.000 votos.
A importancia decisiva do voto de Vigo
De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou a “importancia decisiva” do voto da cidade de cara aos comicios do 18F. “O voto das viguesas e vigueses vai ser absolutamente chave para abrir un novo tempo en Galiza e, por iso, se Vigo empurra o cambio galego será realidade con Ana Pontón como presidenta”, proclamou.
Igrexas tamén chamou a “concentrar no BNG todo voto que quere cambio para poñer fin ao brutal abandono de Vigo pola Xunta de Galiza”. “Temos na nosa man pasar páxina e deixar atrás 15 anos de abandono e castigo do Partido Popular en contra de Vigo e facer realidade un Goberno galego que sexa aliado da nosa cidade, poñendo punto e final ás políticas de recortes e privatización que nos converteron na zona cero da desfeita sanitaria, para blindar o noso futuro industrial e promover o emprego, ou para despregar unha enérxica política de vivenda pública”, explicou.
“Fronte a un Rueda que maltrata a nosa cidade, con Ana Pontón como presidenta faremos que Vigo asuma o seu papel como maior cidade galega, converténdonos no motor de todo un país”, remachou.