O BNG denuncia listas de espera no SAF de Vigo pese a contar con horas de servizo dispoñíbeis
O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, urxe ao Goberno de Abel Caballero a corrixir esta situación pola que se reduciu o número de persoas usuarias en 121 dende o ano anterior e que provocou que moitas familias reciban menos asistencia da necesaria
Reafirma a aposta do Bloque por reforzar o SAF, tal como avanzou a candidata nacionalista á Presidencia, Ana Pontón, comprometendo un incremento dun 66% dos recursos que a Xunta de Galiza destina ao cofinanciamento deste servizo
O Bloque Nacionalista Galego denuncia listas de espera no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Vigo pese a que conta con horas de servizo dispoñíbeis. Así o alertou o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, que urxe ao Goberno de Abel Caballero a corrixir esta situación pola que se reduciu o número de persoas usuarias en 121 dende o ano anterior e que provocou que moitas familias reciban menos asistencia da necesaria.
“O SAF é un recurso da máxima importancia, absolutamente vital para moitas familias, para garantir desde o público os coidados que precisan as persoas maiores e dependentes”, destacou Igrexas, quen reiterou a demanda do BNG de alargar este servizo, tanto no número de persoas beneficiarias como na carteira de servizos para “mellorar as súas condicións de vida”.
Dende a fronte nacionalista así o trasladaron na Comisión Informativa de Benestar Social e no último Pleno municipal. “Non podemos entender a situación que se está a vivir no SAF de Vigo, que pasou das 1.339 persoas usuarias do ano pasado a 1.218”, cuestionou o portavoz do Bloque, quen considerou “incomprensíbel” que nos últimos meses o saldo entre altas e baixas no servizo sexa negativo. Aliás, advertiu dos numerosos atrancos administrativos para aquelas persoas que teñen recoñecido o grao 1 de dependencia.
“O Goberno de Abel Caballero ten que actuar xa para corrixir esta situación e garantir que o SAF funciona na nosa cidade a pleno rendemento prestando a totalidade da súa capacidade de atención”, demandou Igrexas.
Fronte ao negocio do PP
Dende o BNG enmarcaron esta demanda no seu compromiso “firme e rotundo” de reforzar o SAF a nivel galego. Nese sentido, o portavoz municipal lembrou a proposta realizada pola candidata nacionalista á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, de incrementar nun 66% dos recursos que o Goberno galego destina ao cofinanciamento deste servizo. “Para garantirmos que os concellos reciban 20 euros por hora de servizo fronte aos raquíticos 12 euros actuais”, dixo.
Uns recursos “insuficientes” que, a xuízo do Bloque, son unha das causas da “brutal precariedade laboral” que padecen as e os traballadores do SAF. “Fronte ao modelo do PP que converte o coidado das persoas maiores e dependentes nun negocio das súas empresas amigas, un Goberno galego liderado polo BNG a partir do 18F porá as persoas no centro, facendo dos coidados unha tarefa pública e garantindo o dereito a unha vellez digna”, remachou Igrexas.