O Bloque aposta por unha nova política do lixo centrada na reciclaxe e a reutilización

O Bloque aposta por unha nova política do lixo centrada na reciclaxe e a reutilización

Serafín Otero subliña que no cambio de rumbo que precisa a cidade cómpre poñer o acento no aspecto medioambiental para deixar atrás o modelo de Sogama

 

Vigo, 17 de maio de 2015.- “Cómpre superar un modelo caro, ineficiente e ambientalmente insostible como é o de Sogama”, destacou o candidato do BNG– Asembleas Abertas á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, para quen “non ten sentido pagar porque queimen o noso lixo”. Así, subliñou que é “imprescindible” un cambio radical nas políticas ambientais que desenvolve o Concello de Vigo, elaborando un plan director dos residuos sólidos urbanos que teña a finalidade de facer da cidade un espazo “reconciliado co medio ambiente, sostible e con mellor calidade de vida para todos os vigueses e viguesas”, destacou.

Para o candidato nacionalista, o primeiro paso que hai que realizar neste cambio na política medio ambiental consiste no desenvolvemento de campañas de sensibilización para potenciar a redución, a reciclaxe e a reutilización dos residuos. Neste sentido apuntou a necesidade de “implicar aos centros de ensino tanto na concienciación sobre a importancia da reciclaxe como na recuperación dos nosos espazos verdes”.

O aumento de colectores para a recollida selectiva do lixo e a súa mellor distribución por toda a cidade é outro dos aspectos salientados por Serafín Otero, para quen “cómpre dar facilidades á veciñanza para que poidan depositar o lixo que xeran non só no centro de Vigo, senón tamén nos diferentes barrios e parroquias”. Neste mesmo sentido tamén considerou necesario potenciar a recollida de aceites domésticos e graxas animais.

Compostaxe de materia orgánica

O BNG-AA aposta por iniciar a recollida diferenciada da materia orgánica, separadamente doutro tipo de residuos. Unha medida que sería posíbel dentro do actual sistema xeral de recollida, xa que está prevista nos seus pregos de concesión. Nese sentido, Otero propuxo iniciar este proceso nalgún dos barrios urbanos da cidade e tamén nos estabelecementos de hostalaría. Desta maneira a materia orgánica podería aproveitarse a través da compostaxe reducindo a cantidade de lixo procesada por Sogama, cun evidente beneficio ambiental.

Ao respecto, Serafín Otero, amosouse tamén partidario de instalar composteiros nas zonas rurais da cidade e nas zonas urbanas con axardinamento. O candidato do BNG defendeu a implantación dun centro metropolitano de compostaxe.

Recollida de aceite

“Temos que evitar os vertidos de aceites, pero para iso hai que multiplicar os puntos para a súa recollida e implicar as comunidades de veciños de toda a cidade”, afirmou o candidato do Bloque, para quen esta iniciativa é unha das iniciativas “que hai que potenciar xa”.

Serafín Otero tamén defendeu a posta en marcha de puntos limpos co criterio de reciclaxe e reutilización dos materiais alí depositados. “Temos que fomentar iniciativas de recuperación destes recursos, nomeadamente nos polígonos industriais”, apuntou neste sentido. “Non podemos deixar fóra do impulso do coidado do medio ambiente ningún aspecto”, engadiu.

“Estas medidas medioambientais súmanse as propostas de rexeneración e recuperación integral do Lagares, así como á protección dos montes periurbanos de Vigo e a súa articulación nun parque metropolitano, artellando unha ampla proposta para facer unha cidade sostible”, concluíu.

 

O Bloque aposta por unha nova política do lixo centrada na reciclaxe e a reutilización