O Bloque pide a fin da confrontación sobre Peinador e reclama medidas concretas para potencialo
Serafín Otero subliña que a perda do voo a París é a última consecuencia da falla de política estratéxica para o aeroporto vigués
Vigo, 11 de maio de 2015.- O candidato do BNG Asembleas Abertas, Serafín Otero, insta a poñer fin á confrontación sobre o aeroporto de Vigo e esixe a posta enriba da mesa de medidas concretas para potenciar Peinador. É necesario deixar de utilizar o aeroporto como un arma de confrontación política e apostar por el como unha infraestrutura vital para a cidade, subliñou o candidato nacionalista.
Segundo denuncia Serafín Otero, a perda do voo a París é a última consecuencia da falla dunha política estratéxica para o aeroporto de Peinador, baseada nun enfoque local e parcializado, conxuntural e a moi curto prazo, e desde unha perspectiva puramente partidista.
A disputa entre Peinador, Lavacolla e Alvedro só beneficia ao Sá Carneiro, lamenta o candidato do Bloque, quen considera lamentábel a irresponsabilidade e a falla de actuación da Xunta de Galiza. Ao seu xuízo esta falta de actuación do goberno galego tradúcese en que non foi capaz de deseñar de común acordo cos concellos un mapa de rutas, que procurando a especialización soubese aproveitar as diferentes potencialidades e características dos tres aeroportos.
Fin das subvencións
Afondando nestas consideración, Serafín Otero defende que o modelo de subvencións públicas para a instalación de liñas tense demostrado un fracaso. Por unha parte considera que no curto prazo xera unha enorme volatilidade da oferta aeroportuaria ao non permitir a consolidación de destinos.
Por outro lado sinala que no medio e longo prazo hipoteca a viabilidade dos aeroportos, xa que os supedita á rendibilidade económica e marxes de lucro das liñas privadas de baixo custo. É imprescindíbel a fin das axudas en todos os aeroportos, subliña.
Complementariedade das terminais
Para o Bloque, reforzar a posición de Peinador no mapa aeroportuario pasa por apostarmos decididamente por unha articulación a nivel de país, que en lugar de promover a competición entre os tres aeroportos, fomente a complementariedade e o aproveitamento de sinerxías.
Ademais, para potenciar Peinador é necesario poñer en marcha medidas específicas como a actualización e posta en marcha do Plan Director do Aeroporto de Peinador, que segundo Otero debe servir como folla de ruta de carácter estratéxico.
O candidato nacionalista tamén salienta que é necesario aumentar os servizos complementarios e a mellora dos que na actualidade se prestan na terminal viguesa, así como a posta en marcha da intermodalidade, a realización de campañas de captación de destinos e de promoción do aeroporto, e a mellora dos accesos á terminal.
Co obxectivo de potenciar o seu crecemento, o Bloque tamén aposta polo desenvolvemento dun centro loxístico vinculado a Peinador, que funcione como nodo concentrador e pasarela entre o transporte aeroportuario e outras modalidades de transporte. Ademais, cómpre ampliar lonxitudinalmente as pistas ou construír unha nova pista de rodadura, co obxectivo de que isto permita duplicar o número de operacións, conclúe Serafín Otero.