O Bloque denuncia o uso partidista que fai Caballero das actuacións e recursos municipais

O Bloque denuncia o uso partidista que fai Caballero das actuacións e recursos municipais

A fronte nacionalista critica que o anuncio das axudas de emerxencia se realice en período electoral mentres o ano pasado se tramitaron no último trimestre

 

Vigo, 21 de maio de 2015.- O responsable local do BNG e coordinador da campaña destas eleccións municipais, Henrique Viéitez, expresa a máis firme condena da instrumentalización que fai o candidato socialista da actividade municipal ao servizo do partido gobernante. Considera lamentable que o actual alcalde faga nesta campaña electoral o mesmo que ten criticado noutras ocasións.

A fronte nacionalista tamén critica o anuncio falso do remate das obras, ao ter que continuar máis alá da data das eleccións debido a que nelas queda moito moi facer. “Non só se mente ao falar do remate das obras, senón que se engana á cidadanía, posto que se segue entorpecendo o tráfico”, denuncia Viéitez.

O Bloque tamén quere condenar a manipulación referida aos anuncios relacionados coa recepción de solicitudes para as axudas de emerxencia e bolsas no período electoral. Ao respecto, Henrique Viéitez lembra que no pasado ano o goberno municipal xestionounas no último trimestre do ano. “Ou agora é manipulación e instrumentalización ou antes retrasou a súa posta en marcha a propósito”, considera.

“É inadmisible a utilización que fai o candidato do PSOE de medios municipais para incidir no voto dos vigueses e viguesas”, subliña o responsable local do Bloque, quen lembra que Caballero xa acumula varias sancións da xunta electoral.

Samil

O BNG tamén quere poñer en evidencia a insensibilidade e o cinismo do candidato do PSOE en materia de medio ambiente, especialmente en relación á praia de Samil. Mentres Caballero promete en campaña actuacións sobre o Lagares, asegurando que o seu goberno é o que máis se ten preocupado polo bo estado do río, coñecemos que a Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) considera que as augas da praia de Samil non son aptas para o baño.

Desde o Bloque queremos salientar que esta valoración da Unión Europea demostra que o goberno local non tomou ningunha medida para rexenerar o río e actuar sobre os vertidos incontrolados, que a maioría xa están detectados e de seguro tiveron unha incidencia severa no empeoramento da calidade da auga.

“E curioso que esta praia non teña bandeira azul cando o alcalde presume de que é un emblema da cidade”, considerou Viéitez.

 

O Bloque denuncia o uso partidista que fai Caballero das actuacións e recursos municipais