O Bloque denuncia que os acordos entre PP e PSOE prexudican á cidadanía viguesa
Iolanda Veloso destaca que as prioridades que ten o BNG non coinciden coas do goberno local nin coas dos populares
Vigo, 26 de febreiro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, subliñou que a cidadanía viguesa é a gran prexudicada polos acordos aos que desde hai uns meses chegan o PP e o PSOE. A voceira nacionalista puxo como exemplo que o PP e o goberno local chegan ao acordo de subvencionar aeroliñas pero non para que se cumpran mocións fundamentais para a xente como o bonobús para persoas desempregadas.
Xa detectamos hai meses a conexión entre PP e PSOE e xa denunciamos que isto supón grandes prexuízos aos vigueses e viguesas, sinalou Iolanda Veloso en resposta ás preguntas dos medios sobre as negociacións que mantén o goberno local cos populares sobre os orzamentos deste anos.
Iolanda Veloso salientou que curiosamente as prioridades do goberno local coinciden coas que pon o PP enriba da mesa, pero que por suposto non son as do BNG. Para a fronte nacionalista, e dada a grave situación de crise actual, a creación de emprego e a potenciación dos servizos sociais son as cuestións prioritarias nas contas municipais.