O Bloque insta a derrogar o decreto que exclúe da sanidade pública a quen estea máis de 90 días fóra
A realidade é que vostedes se cargaron a asistencia sanitaria universal, recriminou Iolanda Veloso ao Partido Popular durante o pleno
Vigo, 24 de febreiro de 2014.- O BNG acadou o apoio suficiente, cos votos do PSOE e a oposición do PP, para aprobar a iniciativa que demanda ao goberno do Estado que derrogue o decreto que exclúe da atención sanitaria as persoas que estean máis de 90 días fóra do Estado nun ano natural. Ademais, o texto aprobado insta á Xunta de Galiza a que mentres non se derrogue o real decreto-lei asuma e garanta a atención sanitaria dos galegos e galegas que saian fóra, permitindo deste xeito conservar a tarxeta sanitaria en vigor
Iolanda Veloso recordou que por medio do Real Decreto-Lei 16/2012 o PP eliminou o dereito á atención sanitaria universal, negándollo a todas as persoas que se trasladan ao estranxeiro. Sacan recursos para outras cousas pero sen pensar en que persoas se deixa sen asistencia sanitaria, comentou.
Ao respecto salientou que na actualidade son moitas persoas ás que se ven que emigran, non viaxan, porque aquí non teñen futuro nin presente, denunciou a portavoz nacionalista ao tempo que destacou que esta necesidade de emigrar por motivos laborais é debido ás nefastas políticas económicas do PP.
Esas persoas que marchan, xa sen ningún tipo de subsidio, atópanse con que non teñen traballo nin asistencia sanitaria e vostedes se desentenden de elas, denunciou a portavoz do Bloque. Segundo subliñou a realidade é que vostedes se cargaron a asistencia sanitaria universal, posto que se lle nega este dereito a todas as persoas que permanezan fóra do Estado español máis de 90 días nun ano natural, mesmo sexan desempregos de longa duración, ou teñan esgotado a prestación ou o subsidio por desemprego.