O Bloque denuncia o “pacto de silencio” entre PP e PSOE sobre os rexistros no Concello de Vigo

O Bloque denuncia o “pacto de silencio” entre PP e PSOE sobre os rexistros no Concello de Vigo

Iolanda Veloso lembra que o BNG pediu información ao goberno sobre a Operación Patos fronte ao mutismo de goberno local e populares

 

Vigo, 10 de marzo de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, denunciou a existencia dun “pacto de silencio” entre PP e PSOE sobre a transparencia referida aos rexistros que efectuou a policía xudicial no marco da Operación Patos. Segundo a nacionalista trátase dun silencio “prexudicial para a cidadanía e politicamente sorprendente”, similar ao que manteñen co accidente do Alvia en Compostela.

A voceira do Bloque lembrou que ademais de pedir explicacións públicas ao alcalde, o grupo nacionalista presentou unha pregunta no pleno correspondente ao mes de febreiro, á que o grupo de goberno rexeitou facilitar información. “Pola contra, o PP non pediu ningunha información ao PSOE”, apuntou.

Neste sentido, Iolanda Veloso recordou que o concelleiro popular Miguel Fidalgo limitouse a dicir hai uns días que segundo o edil socialista David Regades 'estaban tranquilos porque fixeran todo ben' e que a eles iso chegáballes. “Pero a nós iso non nos chega”, subliñou.

A portavoz municipal do BNG considerou fundamental ofrecer información sobre a operación que afecta ao Concello de Vigo, sen que merme o respecto ao secreto do sumario ou á presunción de inocencia. “É cando menos curioso que un alcalde que presuma de transparencia negue información á cidadanía”, manifestou.

 

O Bloque denuncia o “pacto de silencio” entre PP e PSOE sobre os rexistros no Concello de Vigo