A proposta do BNG Concello e Deputación expresarán o seu apoio aos traballadores de Pescanova
Grazas a proposta formulada polo BNG, o pleno do Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra expresarán nos seus respectivos plenos o apoio das corporacións aos traballadores e traballadoras de Pescanova. Neste momento tan complicado para a factoría é importante a nosa solidariedade con todas as persoas que ven perigar o seu posto de traballo, destacou Iolanda Veloso, portavoz municipal do Bloque e deputada provincial por esta formación.
A declaración institucional tamén expresa o apoio ás mobilizacións que leven a cabo as traballadoras e traballadores na defensa do seus postos de traballo, así como dirixirse a Xunta para que poña en marcha medidas que garantan a galeguidade da empresa e os empregos.
Responsabilidade das administracións
Preguntada polos medios a respecto da imputación de Fernández de Sousa, Carme Adán destacou que malia que serán os xulgados os que teñan que depurar responsabilidades, tamén cómpre depurar responsabilidades nas administracións públicas.
A deputada nacionalista defendeu esta postura en tanto que Pescanova recibiu máis de 43 millóns de euros do goberno galego. Demandamos a Feijóo que tamén se depuren responsabilidades nas administracións públicas, salientou.
Queremos saber que grado de coñecemento tiña o goberno galego sobre a situación de Pescanova, e queremos saber se o goberno galego agora vai facer algo ou se vai cruzar de brazos, manifestou Carme Adán.
Neste sentido considerou indispensable a posta en marcha dunha comisión de investigación que aclare as dúbidas sobre se o goberno galego tiña algún coñecemento do que estaba pasando.