O Bloque solidarízase co veciño condenado polas protestas pacíficas na rotonda de Coia
Serafín Otero rexeita a criminalización das protestas sociais e esixe respecto para o exercicio dos dereitos democráticos fundamentais
Vigo, 4 de marzo de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, expresou a solidariedade e apoio do Bloque ao veciño de Coia que de maneira inxusta vén de ser condenado en primeira instancia a un ano de prisión por uns incidentes durante o desaloxo dunha protesta pacífica na rotonda de Coia.
Segundo manifestou o candidato nacionalista, estes incidentes tiveron lugar a consecuencia dun dispositivo policial que nunca debeu producirse. Na súa opinión, só estaba motivado polo interese político do Goberno local de tentar sofocar pola forza un movemento social que lle resultaba incómodo.
Desde o BNG rexeitamos a criminalización da protesta social e esiximos o máximo respecto para o exercicio de dereitos democráticos fundamentais como o de reunión, manifestación e libre expresión, subliñou Serafín Otero, quen destaca que discrepar non pode ser delito.
Para o candidato do Bloque, democracia non é só ser elixido polos votos da xente, senón sobre todo gobernar respectando a cidadanía en lugar de amordazala como pretende o PP coas súas reformas e como tenta Caballero co seu autoritarismo".