O Bloque urxe ao goberno local que acometa a limpeza e o mantemento dos barrios e parroquias

O Bloque urxe ao goberno local que acometa a limpeza e o mantemento dos barrios e parroquias

O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, esixiu ao goberno local que acometa urxentemente actuacións de coidado, mantemento e limpeza dos barrios e parroquias de Vigo. O nacionalista lembrou que xa no anterior pleno o BNG presentou unha moción, que foi aprobada unanimemente, na que se instaba ao goberno local a tomar medidas para mellorar a situación dos diferentes barrios e parroquias da cidade.

“Día tras días estanos a chegar queixas de veciños e veciñas que reclaman que se atendan os problemas cotiáns que lles afectan, e que perciben unha total falta de atención por parte das concellerias que teñen as respectivas competencias”, afirmou Santi Domínguez.

Barrio do Freixeiro

O portavoz municipal destacou que xa no anterior pleno mencionou varios exemplos de zonas da cidade que se atopan en moi mal estado. E a día de hoxe Santi Dominguez quere mencionar expresamente a situación dos veciños e veciñas do Freixeiro, que veñen de denunciar que dende hai máis de un ano puxeron en coñecemento do Concello diversas deficiencias que hoxe están sen abordar.

Entre as melloras que se deben facer neste barrio, Santi Domínguez sinalou que a baixada ao Pontillón e o seu parque atópanse nun estado de total abandono, sen repoñer as mesas que existían, e hoxe convertido nun aparcadoiro. As críticas tamén se dirixen ao estado de abandono do paseo do Lagares, onde se poden ollar innumerables pozas de auga, así como socavóns no propio paseo “que non se arranxan e que poden supor incluso para a seguridade dos viandantes”, apuntou.

Por outro lado, o nacionalista indicou que ademais existen varias casas en estado ruinoso, que nin se vallan nin se apuntalan, “co risco que isto supón para as persoas que pasan por alí”, comentou, tal e como acontece na Baixada á Pontenova. Dende o BNG tamén se critica a falta de limpeza das malezas en moitos puntos dos barrio, que nalgúns casos dificultan o paso dos vehículos e dos peóns. Reclámase asemade o asfaltado de varios viais, como o da rúa Conde.

“O exemplo do Frixeiro é unha clara mostra de que o goberno local está máis preocupado pola imaxe e a propaganda que pola atención aos problemas que preocupan á cidadanía e que son fundamentais para a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”, salientou Santi Domíngguez. O nacionalista asegurou que o BNG seguirá denunciando estes exemplos de deixadez e instará ao goberno local que acometa a solución destas deficiencias.

 

O Bloque urxe ao goberno local que acometa a limpeza e o mantemento dos barrios e parroquias