O Bloque rexeita a eliminación da paga extra aos funcionarios
O grupo municipal do BNG rexeitou no pleno de hoxe a eliminación da paga extra aos traballadores da función pública, asunto incluido na orde do día da sesión plenaria por imperativo local, segundo especificou o goberno local. Tras agradecer ao valedor do cidadán os informes presentados, a concelleira nacionalista Iolanda Veloso preguntou ao goberno da cidade como vai cumprir a moción aprobada no pleno a instancia do BNG para compensar a perda de poder adquisitivo dos funcionarios.
Segundo a concelleira nacionalista, trátase dunha medida que non ten intención de solucionar a crise económica nin nada. Pola contra, ao seu xuízo merma a capacidade adquisitiva de dunha parte importante da poboación e afonda no seu desprestixio e reflicte a aplicación dun programa ideolóxico. O PP non reduce en gastos militares ou á igrexa, senón que fai unha reforma laboral para recortar dereitos, criticou.
Rexeitamento de recortes en educación e taxas xudiciais
O Bloque apoiou, ademais, outras mocións contra os recortes en educación, a implantación das novas taxas xudiciais e a eliminación da teleasistencia, que foron aprobadas pese aos votos en contra do Partido Popular. No primeiro caso, Iolanda Veloso denunciou o empeoramento do sistema educativo galego, así como a exclusión de nenos e nenas con necesidades especiais diante da impotencia das familias e os poucos escrúpulos do PP.
A respecto da iniciativa contra as taxas xudiciais, o concelleiro Xabier Alonso expresou a rotunda oposición do Bloque á aprobación do proxecto de lei que fixa unhas novas taxas xudiciais aducindo que merman a tutela xudicial, piar fundamental do Estado de dereito, apuntou. Criticou asemade o paripé de Feijóo ao decir que esas taxas xudiciais lle parecen excesivas.
No tocante á teleasistencia, o portavoz municipal do BNG lamentou que de eliminarse este servizo, 560 persoas quedarán en Vigo sen un instrumento de vital importancia para manter unha vida digna.
Cumprimentos plenarios
Por outro lado, o BNG respaldou as moción dos populares que instan ao goberno local a cumprir os acordos plenarios e a mellorar o contorno do Castro. A respecto do cumprimento das propostas aprobadas en pleno, Santi Domínguez lembrou que a primeira forza política que demandou respecto ás decisións que se adoptan neste organismo foi precisamente o Bloque, e lembrou os casos dos carteis de alcaldía, a volta das coidadoras de barrio ao Casco Vello ou a sinatura dos convenios coas distintas asociacións veciñais.
Santi Domínguez lembrou que o pleno tamén aproba outras propostas que se refiren ás administracións gobernadas polo PP, como os acordos contra os recortes en ensino ou sanidade, así como a derogación do canon da auga ou da lei de Área Metropolitana. Vostedes nunca reclamaron a Feijóo o cumprimento dos acordos aprobados en Vigo, criticou.
Oposición do PP á retirada da cruz do Castro
A respecto da mellora do contorno do Castro, Xabier Alonso asegurou que o BNG sempre defendeu a recuperación de todos os elementos patrimoniais da cidade, cun interese transmitido pola exconcelleira Elena Maure, que se reflexa na rehabilitación das vivendas do poboado castrexo. O concelleiro nacionalista tamén sinalou que o Bloque tamén defendeu a demolición do restaurante e a eliminación da cruz do Castro, dando cumprimento á lei da memoria histórica. Neste sentido o BNG presentou unha emenda de engádega á moción popular, que foi rexeitada.
Finalmente, Santi Domínguez demandou solucións aos retrasos de ata meses na expedición nas tarxetas de aparcamento para as persoas con discapacidade.