O BNG pide aclarar quen instalou e con que fin os sensores de medición de afluencias aparecidos nas rúas de Vigo
A fronte nacionalista demanda que o Goberno municipal informe se foron instalados por indicación do Concello estes dispositivos, sobre os que non consta licitación aberta
Xabier P. Igrexas: “O BNG pedimos garantías de que en ningún caso van recoller datos de carácter persoal; a cidadanía ten dereito a transitar libremente nas rúas da cidade”
O Bloque Nacionalista Galego pide aclarar quen instalou e con que fin os sensores aparecidos nas rúas de Vigo nos últimos días, en particular nas inmediacións de Príncipe. A fronte nacionalista vén de rexistrar un escrito dirixido ao Goberno municipal para que informe da entidade responsábel destes dispositivos da marca Wolt que parecen destinados á medición de afluencias e control de aglomeracións en espazos públicos.
“Descoñecemos se foron instalados polo Concello de Vigo, con que obxecto e con finalidade, durante canto tempo e, o que é máis importante, se obteñen algún tipo de información de carácter persoal que mereza un tratamento acorde á normativa de aplicación”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
O voceiro nacionalista asegurou que non existe ningún procedemento aberto de licitación nestes momentos no Perfil do Contratante do Concello, polo que urxiu a aclarar como se van pagar estes sensores e cal é o seu custo. Cuestionou tamén que estes dispositivos non conten con ningún rótulo que sinale a súa presenza e funcionamento na vía pública.
“O Goberno de Abel Caballero ten que dar explicacións á cidade de para que van servir estes sensores e como van funcionar”, reclamou Igrexas, que pediu ademais “garantías” de que non van recoller datos de carácter persoal. “A cidadanía ten dereito a seguir transitando libremente nas rúas da cidade, tamén durante o período de nadal”, advertiu.