O BNG demanda a prometida biblioteca para Teis como primeiro paso para unha rede municipal en todos os barrios de Vigo
No Día das Bibliotecas, a fronte nacionalista reitera a necesidade de dotar dun mínimo de 20 bibliotecas municipais á cidade, que hoxe só conta coa Neiras Vilas no Calvario impulsada polo Bloque en 2011
Lamenta que o Goberno municipal só teña aberto salas de lectura na última década que non contan nin con libros nin con persoal bibliotecario
Ana Martínez: “Fronte a un Caballero alérxico aos libros, o BNG defendemos a cultura como un dereito e as bibliotecas como un instrumento imprescindíbel para garantilo”
O Bloque Nacionalista Galego demanda despregar unha rede municipal de bibliotecas en todos os barrios e parroquias de Vigo, a principiar pola anunciada e prometida en Teis en máis de 20 ocasións durante os últimos 9 anos. No Día das Bibliotecas, a fronte nacionalista reitera a necesidade de dotar á cidade cun mínimo de 20, para cumprir así coas recomendacións dos principais organismos internacionais na materia.
A concelleira nacionalista, Ana Martínez, chamou nese sentido a retomar o proxecto iniciado polo propio BNG desde a concellaría de Cultura en 2011 coa apertura da biblioteca Neiras Vilas do Calvario, primeiro paso desta rede municipal. “Infelizmente, o Goberno de Abel Caballero abandonou esta iniciativa e durante máis dunha década só abriu salas de lecturas, espazos baleiros nos que non hai libros que ler nin persoal bibliotecario”, lamentou.
“É por iso que dende o BNG urximos un cambio radical das políticas anticulturais do Concello”, esixiu a concelleira Ana Martínez
Martínez subliñou que para atender a demanda deste servizo en toda a cidade é necesario dotar como mínimo dunha biblioteca cada 15 mil habitantes, tal como estabeleceu o ministerio de Cultura e aconsellan entidades de referencia no sector como a Asociación Internacional de Bibliotecas, a Federación Internacional de Asociaciones de Bibliotecarios ou a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galiza.
En comparación con outras cidades do Estado, afeou que Vigo sexa a única urbe de máis de 200 mil habitantes que só conta cunha biblioteca municipal, mentres outras con similar poboación contan cun mínimo 5.
A concelleira nacionalista chamou así a facer unha aposta decidida pola cultura e a lectura fronte a un Goberno de Caballero “alérxico aos libros”. Reiterou nese sentido o total apoio do BNG ás reivindicacións da veciñanza de Teis, que este martes ten convocada unha nova concentración para reclamar a prometida biblioteca municipal no barrio. “O alcalde ten que deixarse de contos e anuncios tras 9 anos de promesas incumpridas”, reclamou.