O BNG acusa o Goberno de Abel Caballero de actuar de “forma mafiosa” co novo PXOM de Vigo
A fronte nacionalista denuncia que aínda non ten acceso ao documento de aprobación provisional do novo Plan Xeral, malia ter superado case tres veces o prazo legal
Xabier P. Igrexas: “Non lle imos consentir o Goberno de Caballero que impoña unha censura autoritaria e antidemocrática, o urbanismo vigués precisa de luz e taquígrafos”
O Bloque Nacionalista Galego acusa o Goberno de Abel Caballero de actuar de “forma mafiosa” co novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo. A fronte nacionalista denuncia que o Goberno municipal aínda non lle facilitou acceso ao documento de aprobación provisional, malia ter superado case tres veces o prazo legal dende a solicitude realizada o pasado 31 de outubro.
“A concelleira de Urbanismo, María José Caride, ten que deixar de tratar o novo Plan Xeral como se fose un negociado familiar”, reclamou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, despois de reiterar esta demanda no Consello da Xerencia de Urbanismo celebrado este martes. “Non atender esta solicitude supón vulnerar os dereitos fundamentais de representantes electos”, advertiu, lembrando a obriga recollida no artigo 9 do Regulamento Orgánico do Pleno de facilitar acceso á documentación.
Igrexas subliñou a relevancia do documento de aprobación provisional, onde figuran as propostas de ditame das máis de 4 mil alegacións formuladas pola veciñanza e colectivos da cidade ao novo PXOM. “Que ten que esconder o Goberno de Caballero? Que é o que non quere que o BNG poidamos coñecer? Por que tanto esforzo por ocultar ese documento?”, cuestionou.
O portavoz nacionalista asegurou que “xa abonda de escurantismo” e chamou a poñer “luz e taquígrafos” no urbanismo vigués
“Urxe máxima transparencia para acabar cos abusos e a barra libre que levamos padecendo xa demasiados anos”, esixiu Igrexas, poñendo como exemplo os escándalos do “pelotazo” dos chalés de Cabo Estai ou as licenzas outorgadas ilegalmente durante o período de suspensión automática.
“Non lle imos consentir nin á señora Caride nin Abel Caballero que impoñan unha censura autoritaria e antidemocrática en relación ao Plan Xeral co que se quere definir o modelo de cidade para os vindeiros 15 anos”, remachou Igrexas.