O BNG de Vigo emendará con participación veciñal os orzamentos de “papel mollado” de Caballero para 2024
A fronte nacionalista valora como “máis do mesmo” o proxecto de contas do Goberno municipal, con moitos investimentos que son “promesas incumpridas” de anos anteriores
Convoca un encontro aberto con tecido asociativo e veciñanza este martes 14 para recoller as súas demandas e necesidades de cara á presentación de emendas parciais
Xabier P. Igrexas: “Estas contas demostran que o Goberno de Caballero xa non ten nada que ofrecerlle á cidade, virándolle as costas ao contexto de grave crise social que se vive”
O Bloque Nacionalista Galego anuncia emendas ao proxecto de orzamentos municipais para 2024 por ser “un novo tomo das obras completas en papel mollado do Goberno de Abel Caballero”. Así o valorou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que avanzou a formulación de emendas parciais a través dun encontro co tecido asociativo e da veciñanza para recoller as súas demandas e necesidades.
“Demostra que o Goberno municipal xa non ten nada que ofrecerlle á cidade”, cuestionou Igrexas, que considerou este proxecto de contas como “máis do mesmo, inercia e fume”. Advertiu nese sentido que boa parte dos investimentos corresponden a promesas incumpridas en exercicios anteriores como a “mil veces anunciada” reforma da Avenida de Madrid ou a construción da biblioteca de Teis, cunha partida de apenas 600 mil euros.
O portavoz nacionalista exemplificou “estes orzamentos de papel mollado” na continuada inexecución por parte do Goberno municipal, con 436 millóns de euros sen gastar nos últimos catro anos. “E que no que vai de 2023 só tiña executados 1 de cada 4 euros do capítulo de investimentos”, denunciou. Lamentou ademais que as contas “insistan en virar as costas ao contexto de grave crise social que se vive na cidade e que teiman nas nefastas políticas que desertizan a cultura ou o deporte”.
Encontro aberto do BNG
Dende o BNG criticaron que un ano máis foran elaborados polo PSOE “de maneira burocrática, reducindo os orzamentos ás contas de Abel Caballero e da súa corte imperial”. Diante desta situación, Igrexas anunciou que a fronte nacionalista vai recoller de maneira directa a opinión dos colectivos e da veciñanza a través dun encontro aberto este martes 14, ao que xa está convocado a práctica totalidade do tecido asociativo da cidade.
“Fronte a un alcalde e un Goberno municipal que se negan a dialogar e escoitar, o BNG queremos servir de instrumento para a participación”, salientou o voceiro nacionalista, que asegurou que as emendas parciais do Bloque quere recoller “as demandas e necesidade do Vigo real, o que existe fóra dese parque temático de grandes anuncios e infografías, corrixindo así o abandono crónico que padecen o conxunto de barrios e as parroquias”.
Igrexas lamentou a reiterada negativa do Goberno socialista á proposta do BNG de poñer en marcha un mecanismo de Orzamentos Participativos que permita as viguesas e vigueses determinar cales son as necesidades prioritarias. “Para que os orzamentos municipais de 2024 deixen de ser o conto da leiteira de Caballero e se convertan nun instrumento útil para a veciñanza da maior cidade galega”, remachou.