O BNG defende como “irrenunciábel” a fábrica de baterías en Vigo para evitar que a automoción quede “fóra de xogo”

Carmela González e Xabier P. Igrexas
Carmela González e Xabier P. Igrexas

A fronte nacionalista reclama un Plan Galego pola Automoción que garanta o futuro do sector fronte á “inacción” da Xunta e a destrución de miles de empregos industriais

Carmela González: “Resulta inexplicábel que o Goberno Galego permaneza de brazos cruzados ante a aposta de Stellantis pola planta de Zaragoza”

Xabier P. Igrexas: “Os vigueses e viguesas estamos fartas e cansas da política bluf do PP, que acaba reducida a anuncios que quedan en nada”

O BNG defende como “irrenunciábel” a fábrica de baterías en Vigo para evitar que a automoción quede “fóra de xogo”

O Bloque Nacionalista Galego demanda a fábrica de baterías en Vigo como “irrenunciábel” para evitar que o sector da automoción quede “fóra de xogo”. Así o defenderon este mércores a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, e o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, que urxiron medidas da Xunta de Galiza que garantan o futuro do sector ante a perda de miles de empregos industriais na cidade dende a chegada do PP ao Goberno galego.

“A decisión de Stellantis de levar para Zaragoza a súa planta de baterías é un novo golpe á industria do automóbil na área de Vigo que de novo fai saltar todas as alarmas”, advertiu González, que anunciou iniciativas no Parlamento galego para reclamar a posta en marcha dun Plan Galego pola Automoción, que promova a instalación de novos actores e actividades industriais que rachen coa excesiva dependencia actual dun único gran fabricante.

González lamentou que o Goberno do PP permaneza de “brazos cruzados” ante esta decisión. “A Rueda só lle interesa como tema de confrontación co Goberno español mentres Galiza vai quedando atrás na transformación do modelo produtivo cara o coche eléctrico”, criticou a deputada nacionalista, quen chamou ao presidente a escoitar a “crecente preocupación” do empresariado e das organización sindicais sobre o futuro do sector en Vigo.

Dende o Bloque lembraron que esta “inacción” da Xunta, malia ter as competencias na materia, provocou a destrución de 6.100 empregos industriais dende a chegada do PP hai 14 anos. “Debe ser o Goberno galego quen lidere a posta en marcha dun plan industrial que apuntale o sector da automoción, como están facendo os seus homólogos en Euskadi, Aragón, Valencia ou Extremadura”, remachou González.

“Proxecto irrenunciábel para Vigo”

Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG defendeu como “irrenunciábel” que Vigo conte cunha fábrica de baterías diante dos retos da transición enerxética e da ameaza da deslocalización produtiva. Igrexas asegurou que a cidade non pode permitirse quedar “fóra de xogo” neste cambio de modelo nunha actividade “estratéxica e tractora da economía” con 15 mil empregos na área viguesa.

“Estamos fartas e cansas da política bluf do Goberno do PP, que acaba reducida a anuncios que quedan en nada”, cuestionou o voceiro nacionalista, en relación a operacións frustradas como a instalación dunha factoría de Mitsubishi na Plisan, do proxecto da empresa chinesa BYD ou a “mil veces anunciada” fábrica de fotóns por parte de Zona Franca e do alcalde de Vigo.

O BNG defende como “irrenunciábel” a fábrica de baterías en Vigo para evitar que a automoción quede “fóra de xogo”