O BNG acusa o PP de "castigar" Vigo nos Orzamentos da Xunta pola súa derrota na cidade nas últimas eleccións galegas

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en rolda de prensa
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en rolda de prensa
Denuncia que, desde 2020, o PP bloqueou 661 millóns en investimentos na maior cidade galega rexeitando todas as emendas da fronte nacionalista nos sucesivos orzamentos

Xabier P. Igrexas:
“As contas da Xunta para 2025 supoñen prorrogar un ano máis a política de total abandono coa que o Goberno galego do PP condena á nosa cidade”
O BNG acusa o PP de "castigar" Vigo nos Orzamentos da Xunta pola súa derrota na cidade nas últimas eleccións galegas

O Bloque Nacionalista Galego acusa o PP de “castigar” Vigo nos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2025 pola derrota dos populares nas últimas eleccións galegas, nas que a fronte nacionalista se converteu en primeira forza na maior cidade galega.

“Os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2025 supoñen prorrogar un ano máis a política de total abandono á que o Goberno galego do PP  condena a cidade de Vigo”, denunciou o portavoz municipal do Bloque, Xabier P. Igrexas, sobre as contas aprobadas este pasado martes no Parlamento galego.

Igrexas criticou a negativa do PP a todas as emendas formuladas polo BNG demandando incrementar en 144 millóns de euros o investimento do Goberno galego en Vigo. “Con este non, o PP bloqueou xa 661 millóns en investimentos desde o ano 2020,”, afeou sobre o rexeitamento de todas as alternativas propostas polas nacionalistas nos últimos anos.

O portavoz municipal do Bloque subliñou que o “rodete absolutista” do PP negou con este voto en contra a posta en marcha dun Plan de reactivación produtiva e industrial en Vigo, a creación dun amplo parque de vivenda pública, novas escolas infantís públicas, máis políticas de igualdade e medidas concretas para un Vigo máis sustentábel mellorando a protección dos montes, do río Lagares e da nosa ría, entre outras propostas.

Aliás, dende o Bloque destacaron o rexeitamento do Goberno de Rueda a todas as emendas nacionalistas para poñer fin ás política de “recortes e recortes e privatizacións que converteron a área de Vigo na zona cero da desfeita sanitaria de Vigo”.

“A receita do PP é clara: seguir facendo da saúde de todas e todos un grande negocio privado para as súas empresas amigas”, cuestionou o voceiro do Bloque sobre a negativa popular a rescatar a concesión privada do Hospital Álvaro Cunqueiro (que supuxo un sobrecuste de 470 millóns), a absorber Povisa na rede pública e a reforzar a Atención Primaria con máis medios nos centros de saúde e coa creación de dous novos PAC.


 O BNG reclama 144 millóns máis para Vigo nos           Orzamentos da Xunta de 2025
  MÁIS INFO


 


“É claro que estamos diante do desquite dun PP que contesta con este castigo orzamentario a dura derrota que sufriu nas últimas eleccións galegas nas que un masivo apoio das viguesas e vigueses situou ao BNG como primeira forza política na nosa cidade”, valorou Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista considerou que estas contas volven demostrar que o Goberno de Rueda “non ten nada que ofrecerlle a esta cidade”, asegurando que ese é o motivo de que o PP de Vigo “descabezado e sen proxecto actúe como unha triste e servil delegación cómplice do maltrato da Xunta coa nosa cidade”.

Fronte a esta situación, Igrexas reivindicou o papel do Bloque na defensa dos intereses das viguesas e dos vigueses que, afirmou, son antes de nada 300 mil galegas e galegos con dereitos. “Un BNG absolutamente comprometido con facer de Vigo o motor do cambio en Galiza, para converter a nosa cidade no motor de todo un País”, remachou.

O BNG acusa o PP de "castigar" Vigo nos Orzamentos da Xunta pola súa derrota na cidade nas últimas eleccións galegas