O BNG chama a apostar polo comercio de proximidade en Vigo coa campaña ‘Mellor Local, Mellor Galego’
A fronte nacionalista propón medidas para revitalizar o sector e evitar o peche de máis comercios fronte ao avance do modelo de grandes áreas que “só beneficia ás multinacionais”
Carmela González: “É preciso actuar contra a competencia desleal das grandes superficies, freando a súa expansión e regulando os horarios e os períodos de rebaixas”
Xabier P. Igrexas: “O BNG demandamos un Plan de Impulso do Comercio Local para reverter esta situación en Vigo, con máis de 1.100 baixos comerciais pechados”
O Bloque Nacionalista Galego chama a apostar polo comercio de proximidade e polo consumo de produtos do país coa campaña ‘Mellor Local, Mellor Galego’. A fronte nacionalista propón medidas para revitalizar o sector e evitar o peche de máis pequenos e medianos comercios ameazados polo modelo de grandes áreas comerciais que “só beneficia ás empresas multinacionais”.
“O comercio galego está nunha situación crítica polo avance do comercio en liña, da liberalización dos horarios e dos períodos de rebaixas e pola expansión das grandes superficies comerciais”, alertou a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, xunto ao portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, durante a presentación da campaña este xoves na rúa do Príncipe.
A deputada nacionalista reivindicou a importancia do comercio local como dinamizador dos barrios e parroquias e na comercialización dos produtos galegos. “O pequeno comercio xera esa vida de barrio fundamental nas nosas rúas e crea emprego digno e con dereitos na nosa cidade fronte á precariedade das grandes marcas”, destacou.
González acusou nese sentido ao Goberno galego do PP de “abandonar” ao sector comercial durante os últimos 15 anos, reducindo ano tras anos os recursos da Dirección Xeral de Comercio e provocando o peche de 8 mil negocios de proximidade. “Por iso o Bloque formulamos emendas aos Orzamentos da Xunta para aumentar a 43 millóns de euros as partidas para o comercio galego, máis do dobre do previsto polo PP”, subliñou.
Freo ás grandes superficies
Dende o BNG puxeron en valor a súa aposta por un sector comercial galego, con medidas que combatan a “competencia desleal” que impoñen as grandes superficies, que freen a súa expansión e regulen os horarios e os períodos de rebaixas. Do mesmo xeito, piden revitalizar os mercados municipais e as zonas comerciais tradicionais, impulsando medidas para modernizar o tecido comercial con alternativas para a venda en liña.
Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG defendeu a urxencia de políticas públicas do Concello fronte á “desertización” do pequeno e mediano comercio, con máis de 1.100 baixos comerciais pechados nestes momentos na cidade. “Para poñer fin a esa permanente baixada de persianas, cómpre que todas as Administración se impliquen”, defendeu Igrexas.
Plan de Impulso do Comercio Local
Dende a fronte nacionalista reiteraron por este motivo a proposta de poñer en marcha un Plan Municipal de Impulso do Comercio Local, con medidas concretas de apoio ao tecido de proximidade, tal e como xa trasladou o propio BNG nas súas emendas aos Orzamentos do Concello de Vigo para 2025 pero que foi rexeitada polo PSOE.
“O que é claro é que as viguesas e vigueses temos tamén na nosa man, como consumidoras e consumidores, a oportunidade de fortalecer e promover o comercio local”, salientou Igrexas, pedindo á cidadanía que este Nadal, e o resto do ano, aposten polo comercio local e polos produtos galegos nas súas compras.