O BNG demanda ampliar os horarios dos museos en Vigo diante da “ridícula” proposta do Goberno local
A fronte nacionalista reitera a necesidade de reforzar con máis medios a rede museística do Concello, que conta cuns horarios moi inferiores ao do resto de cidades galegas malia a ampliación anunciada este ano
Ana Martínez: “Presumir de cidade cultural con estes horarios mínimos e cambiantes non ten sentido ningún, só demostra máis unha vez o desleixo de Caballero coa cultura”
O Bloque Nacionalista Galego demandar ampliar os horarios dos museos municipais en Vigo diante da “ridícula” proposta aprobada polo Goberno local. A fronte nacionalista reitera a necesidade de reforzar con máis medios a rede museística, que conta cuns horarios moi inferiores ao do resto de cidades galegas.
“Vemos como os museos do Concello continúan con problemas estruturais e de definición, e sobre todo con falla de persoal e con horarios ridículos”, cuestionou a concelleira do BNG de Vigo, Ana Martínez, considerando “insuficiente” a ampliación anunciada polo Goberno de Caballero para este ano.
Así, o Marco é o museo da cidade cun horario de apertura máis amplo, con apenas 41 horas semanais; seguido da Casa das Artes con só 28 horas á semana e da Pinacoteca municipal con 25 horas. No caso do museo de Castrelos, abre 28 horas entre os meses de marzo a setembro e baixa a 22 horas semanais o resto do ano. Horarios que, a xuízo do Bloque, dificultan que a cidadanía visite as súas coleccións.
Unha realidade que contrasta con recintos culturais de cidade galegas con horarios moito máis amplos como: o Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, con 54 horas; o Museo provincial de Pontevedra con 58 horas; ou incluso de concellos como Ribadavia, cun museo etnolóxico aberto ao público 50 horas. Ou na caso dos museos municipais da Coruña, que abren entre 56 e 70 horas á semana.
“Estes datos deixan en evidencia os ridículos horarios de apertura e a precaria situación dos museos da maior cidade galega”, lamentou a concelleira do BNG, quen considerou que “presumir de cidade cultural nestas circunstancias non ten sentido ningún”.Martínez subliñou que esta situación volve demostrar o “desleixo” do Goberno municipal cara á creación artística en Vigo, así como a súa “incapacidade” para garantir un dereito fundamental da cidadanía como a cultura.