O BNG alerta de “trabas” da Entidade Local Menor de Bembrive ás alegacións veciñais contra a nova autovía
A fronte nacionalista denuncia o peche da oficina de atención pública da Entidade Local en pleno conflito veciñal contra o proxecto que ameaza con tronzar a parroquia
O Bloque reitera a súa oposición ao trazado previsto para a A-52 e anuncia un encontro coa plataforma Avibe en relación á afección que vai ter o vial PO-010 en Beade
O Bloque Nacionalista Galego alerta de “trabas” da Entidade Local Menor (ELM) de Bembrive ás alegacións veciñais contra a nova autovía A-52. A fronte nacionalista critica o peche da oficina de atención pública da ELM en pleno conflito veciñal contra o proxecto que ameaza con tronzar a parroquia.
Así o denunciaron este luns o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, xunto ao ex candidato do Bloque á alcaldía pedánea e membro do Consello Local, Roberto Fernández Vila, afeando a “deslealdade” á fronte da Entidade Local por parte do PSOE (o mesmo partido que promove a infraestrutura a nivel municipal e estatal) por “dar as costas á veciñanza de Bembrive” en medio da recollida de alegacións contra a A-52.
Fernández Vila cualificou de “auténtica tomadura de pelo” a exposición realizada pola ELM o pasado 16 de xaneiro para informar sobre o proxecto “demostrando un total descoñecemento do impacto desta atrocidade medioambiental e social nun dos principais pulmóns verdes de Vigo”.
Dende a fronte nacionalista reiteraron nese sentido a súa oposición ao trazado previsto para a A-52. Aliás, anunciaron un encontro coa plataforma Avibe en relación á afección que vai ter o vial PO-010 en Beade e outras parroquias do rural, e cuxa execución está ligada ao desenvolvemento da nova autovía.
Alternativas á autovía
En relación a ambos proxectos, o portavoz municipal do BNG considerou “indefendíbel” que o Goberno de Caballero pretenda impoñer un trazado sen o máis mínimo diálogo coa veciñanza e sen valorar outras alternativas que eviten os graves impactos ambientais e sociais de ambas infraestruturas.
Insistiu tamén en que esta nova autovía non vai resolver os graves problemas de sinistralidade da actual A-55 nin se poden agardar anos para que se faga realidade. Igrexas urxiu ao Ministerio de Transportes a executar de inmediato os traballos pendentes dende hai anos para corrixir o actual trazado así como liberar de peaxes a autoestrada AP-9, cuxo trazado vai paralelo á actual autovía.