O BNG de Vigo reclama anticipar as convocatorias de subvencións municipais a entidades sen ánimo de lucro

Xabier P Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista pide tramitar as axudas no primeiro trimestre para evitar demoras que “estrangulan economicamente” a asociacións, colectivos e clubs deportivos da cidade

O Goberno de Caballero resolveu o 17 de decembro as subvencións de Participación Cidadá de 2024

Xabier P. Igrexas: “O mesmo Goberno que presume de pagar en menos de 10 días ás empresas privadas, tarda meses en garantir os recursos de entidades sen ánimo de lucro”

O BNG de Vigo reclama anticipar as convocatorias de subvencións municipais a entidades sen ánimo de lucro

O Bloque Nacionalista Galego reclama anticipar a convocatoria e aprobación das distintas subvencións municipais destinadas a entidades sen ánimo de lucro de Vigo. A fronte nacionalista pide tramitar as axudas no primeiro trimestre de ano para evitar as demoras de exercicios anteriores que supoñen “estrangular economicamente” a asociacións, colectivos e clubs deportivos da cidade.

“Estes ingresos son mesmo vitais para garantir que o tecido asociativo poida seguir a desenvolver a súa actividade no ámbito veciñal, cultural ou deportivo, que ten un evidente interese público e da que se beneficia o conxunto das viguesas e vigueses”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

O voceiro nacionalista puxo en valor o traballo esencial do tecido asociativo á hora de “cubrir as carencias” do Goberno municipal en moitos barrios e parroquias. “Un labor que se desenvolve sobre a achega xenerosa de persoas voluntarias que traballan de maneira gratuíta desenvolvendo un grande esforzo colectivo en favor do ben común”, salientou.

Dende o BNG cualificaron nese sentido de “inaceptábel” as situacións vividas en anos anteriores pola demora na tramitación destas axudas. Así, no caso das subvencións de Participación Cidadá do pasado ano, afeou Igrexas, foron resoltas o 17 de decembro “forzando unha xustificación exprés e atrasando o abono polo peche do exercicio fiscal”.

Unha situación que contrapuxo o voceiro do BNG coa celeridade no pago a provedores municipais. "É delirante que o mesmo Goberno que presume de pagar en menos de 10 días ás empresas privadas que traballan para o Concello, tarde meses en garantir os recursos de entidades sen ánimo de lucro que traballan de balde pola cidade", criticou.

Estabilidade para o tecido asociativo

O portavoz municipal do Bloque asegurou que axilizar as convocatorias e tramitación destas subvencións vai dar “estabilidade e certeza” ás entidades sen ánimo de lucro, ademais de ser unha obriga facilitar e promover a actividade do tecido asociativo. “Nun momento no que o Concello conta cos orzamentos máis altos da súa historia non hai xustificación para estas demoras”, afirmou Igrexas.

Dende a fronte nacionalista acusaron deste xeito a falla de xestión de Caballero como un “atranco” para o traballo das entidades. “Esta medida o único que esixe é dun Goberno municipal que actúe como tal e non apenas como unha axencia de publicidade para autobombo e propaganda”, remachou o voceiro do BNG.

O BNG de Vigo reclama anticipar as convocatorias de subvencións municipais a entidades sen ánimo de lucro