O BNG aposta en facer do Concello de Vigo un axente activo pola plena normalización do galego
O candidato nacionalista chama a poñer fin á “galegofobia dos últimos anos”, rematando coa exclusión do galego nas actividades municipais e despregando campañas de promoción do uso social da nosa lingua propia
Xabier P. Igrexas: “O galego ten que deixar de ser unha anécdota, un elemento ornamental para xornadas como este 17 de maio. Temos que galeguizar Vigo como maior cidade de Galiza”
O Bloque Nacionalista Galego aposta por facer do Concello de Vigo un axente activo pola plena normalización da lingua galega. Así o afirmou o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, no inicio da manifestación convocada pola plataforma ‘Queremos galego’ este mércores con motivo do Día das Letras Galegas.
“O Concello de Vigo ten que abandonar a política galegofóbica e ser un axente implicado en potenciar a plena normalización do uso do galego na maior cidade deste País para facer que gañe espazo e uso social.”, defendeu Igrexas, que chamou a despregar accións concretas para “garantir o dereito de todas as viguesas e vigueses a podermos vivir plenamente no noso idioma”.
Nesa liña, o cabeza de lista nacionalista reclamou como primeira medida “aplicar e respectar” a ordenanza municipal de Normalización Lingüística, que establece o galego como lingua oficial do Concello.
Xabier P. Igrexas: “Hai que poñer fin a esa deliberada e continuada exclusión do galego en todas as actividades, nomeadamente na programación cultural”
Igrexas propuxo ademais a posta en marcha de campañas de promoción do uso social do galego, pensando en especial na mocidade. “Temos que darlle oportunidades á xente nova de Vigo”, apostou, poñendo como exemplo a súa propia experiencia. “Eu como neofalante que case até a adolescencia fixen uso practicamente en exclusiva do español, podo afirmar de maneira rotunda que o único acto de liberdade lingüística que puiden adoptar foi pasarme ao galego”, expresou.
O candidato do BNG afirmou que o galego ten que deixar de ser unha “anécdota e un elemento ornamental” para xornadas como este 17 de maio. “Temos que galeguizar Vigo como maior cidade de Galiza”, remachou.
“Desprezo” do Concello cara Fernández del Riego
Dende a fronte nacionalista lamentaron tamén o “desprezo” cara ao autor homenaxeado neste Día das Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego. “É indefendíbel que a cidade de Vigo na que Paco del Riego deixou unha pegada enorme no seu compromiso galeguista, sexa con toda certeza o concello dos 313 municipios de Galiza que menos fixo por dar a coñecer e valorizar unha traxectoria sen a que non podemos entender a historia recente da nosa cidade nin do noso País”, criticou Igrexas.
Como exemplo citou o feito de que a exposición dedicada a Del Riego na Pinacoteca “abra as súas portas este 17 de maio apenas durante dúas horas”, feito que se engade á falla de atención á colección artística que cedeu á cidade en 1995 e que está sediada na Casa Galega da Cultura.
“Fronte a quen insiste en empequenecer e isolar Vigo o BNG afirmamos, con todo o orgullo, que sermos viguesas e vigueses non é nada máis, nin nada menos, que o xeito de sermos galegas e galegos en Vigo”, reivindicou o candidato nacionalista á alcaldía que enfatizou o seu compromiso en facer que a cidade asuma o seu papel como “motor de todo un País”.